Ferrol360 | Domingo 13 agosto 2017 | 12:27
Ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público, a Xunta de Galicia investirá preto de 7.000 euros na renovación de equipamento informático no concello de Valdoviño. Estas achegas permiten levar a cabo pequenas actuacións que benefician directamente aos veciños e contribúen á mellora da súa calidade de vida.
Así, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou mesmo dependencias municipais onde se presten servizos administrativos.
Na convocatoria correspondente a 2017 accederon a estas axudas 27 concellos da provincia que suman un investimento total de máis de 832.000 euros en traballos de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública e pavimentación de vías públicas municipais non incluídas no programa de mellora de camiños de titularidade municipal.
Tamén se procedeu á construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos; dotación de equipamentos de edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e dotación de equipamentos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, sinala que «a Orde de infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon a disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños».
Esta liña de axudas conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).