FERROL360 | Domingo 15 novembro 2015 | 19:26
A Xunta de Galicia activa este domingo o Plan de Vialidade Invernal na provincia da Coruña, coa mobilización de 11 máquinas quitaneves e máis de 1.200 toneladas de fundentes para garantir unha circulación segura.
Na provincia da Coruña haberá dous centros operativos. Un no norte, en As Pontes, e outro no sur da provincia, en Santiago. Dende estes centros coordinaranse os subcentros situados en Betanzos, As Pontes, Santiago e Baio.
No operativo disposto para este ano na provincia participan 120 persoas, que se encargarán das tarefas necesarias para evitar a acumulación de neve e xeo na rede autonómica desta área.
Estas actuacións desenvólvense no marco do Plan de Vialidade Invernal, eido para o que a Xunta destina máis de 116 millóns de euros, concretamente en materia de vialidade e conservación ordinaria, para os vindeiros 4 anos.
Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de España: sumando as redes do Estado, da Comunidade e das deputacións provinciais, contabilízanse 18.000 kilómetros de estradas, dos cales 5.500 son de titularidade autonómica.
Neste sentido, conservar estes eixes de comunicación que vertebran o territorio requiren de importantes esforzos e inxentes recursos.
A Xunta identificou 965 quilómetros de estradas que teñen maior risco de padecer as consecuencias da neve e tamén do xeo; o 86 % deles nas provincias do interior, de Ourense e de Lugo.