FERROL360 | Mércores 11 decembro 2019 | 10:03
As tres escolas infantís municipais de A Solaina, A Gándara e Piñeiros e a unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol acollen esta semana as representacións programadas no marco da XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, organizada polo Padroado da Cultura de Narón.
A primeira das convocatorias desenvolveuse este martes na escola infantil de Piñeiros, donde o alumnado de 0 a 3 anos asistiu ás sesións programadas ás 10.00 e ás 11.00 horas. Nesta ocasión representarase nos citados centros a obra Redondo, da compañía Caramuxo Teatro.
As representacións, tamén con dúas funcións desa obra e ás mesmas horas, teñen lugar este mércores na escola infantil da Solaina, o xoves na da Gándara e, finalmente, o venres na unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol. En conxunto, uns 250 menores presenciarán nos seus respectivos centros estas representacións.
O espectáculo Redondo ten unha duración aproximada de media hora. Mr. Round é o protagonista, unha persoa á que lle fascinan todo tipo de obxectos con forma de circunferencia e que un día atopará unha esfera de gran tamaño que agocha historias que sorprenderán aos nenos e nenas.
As formas, as cores, os elementos da natureza, as partes do corpo, a expresión, as emocións e a música forman parte dos conceptos que se tratan con esta peza teatral dirixida á primeira infancia de Caramuxo Teatro, unha compañía de teatro infantil e familiar formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola que se constituíu na Coruña no ano 2003.
A XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil iniciouse o pasado mes de novembro no Pazo da Cultura e contemplou tamén representacións no Auditorio municipal, instalacións polas que pasaron máis de 7.500 alumnas e alumnos de centros de ensino de Narón e comarca para presenciar a trintena de funcións programadas.
A Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran nesta Mostra na que actuarán, en total, cinco compañías galegas: Piedras de cartón, Elefante Elegante, Contraproducións, Ghazafelhos e Caramuxo Teatro.
Debate sobre el post