FERROL360 | Martes 16 xullo 2019 | 9:10
O Concello de Valdoviño abre o prazo de inscrición na VI Andada Nocturna Ata San Mamede. Unha actividade que se celebrará o vindeiro venres 26 de xullo e que se inclúe no programa municipal Escenarios Paralelos.
As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Casa da Cultura, no teléfono 981 48 76 66 ou enderezo electrónico cultura@concellodevaldovino.com. O prazo rematará o día 21 de xullo.
A andada terá como punto de partida o parque da praia da Frouxeira, ás 22.00 horas, e destino a igrexa de San Mamede. Alí, no campo da festa e sobre as 23.00 horas, a compañía de Pablo Méndez ofrecerá ao público o seu espectáculo de novo circo Quimera, incluído na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
Trátse dun espectáculo inspirado nunha visión máxica da natureza, onde os soños e a mitoloxía se entrelazan. Calquera ilusión, produto da psique, por improbable que pareza pódese tornar realidade. Mediante unha linguaxe visual e acrobática esta viaxe fantástica estimula a imaxinación do público ata o final.
Integran o elenco artístico: Tatiana Fontenla García, Iván Couso Campos, Fátima Carbia Lorenzo, David Burgos Ruibal, Carolina Ramil Sanders, Felipe Catalán Arufe e Alejandra Balboa Rodríguez.