FERROL360 | Martes 22 setembro 2015 | 10:25
Xa está aberto o prazo de inscrición das escolas deportivas e culturais que ofrece o Concello de San Sadurniño. Música, gaita, percusión, pandeireta, ximnasia de mantemento, ximnasia para persoas maiores, fútbol e volei son as opcións entre as que escoller, complementadas con outras organizadas por entidades e asociacións.
Todas elas arrancarán a primeiros de outubro e para apuntarse nas municipais só hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) e, no caso das escolas deportivas, contactar directamente co Aldebarán de volei e co C.F. San Sadurniño. Son necesarias un mínimo de oito persoas para poñer en marcha cada escola e cando se pechen os grupos o Concello confirmará a inscrición e a data de inicio.
Este ano mantéñense os prezos das escolas: 15 euros de matrícula e despois unha cota trimestral de 19,32 euros para persoas menores de 18 anos e maiores de 65 e de 28,97 para aquel alumnado que estea entre os 18 e os 65 anos. Sobre estes prezos aplicarase unha bonificación dun 50 % se se dispón do Carné Xove e sempre que se solicite previamente.
O pago pódese realizar na Casa da Cultura, na conta do Concello de San Sadurniño ou ben solicitar a domiciliación dos recibos no momento de ir facer a matrícula.
Máis actividades
O Castelo e a Asociación de Veciños de Santa Mariña ofertan cursos de acordeón; os profesores Iliá e María Keilin ofrecerán formación en piano, violonchelo, guitarra e solfexo -previsiblemente- na Casa da Xuventude. Para máis información hai que chamar ao 609 816 872.
O Centro Mahashakti organiza unha charla para o próximo 29 de setembro ás 20.30 horas na Casa da Cultura para falar dos beneficios desta disciplina que combina a relaxación de corpo e mente. Para apuntarse hai que chamar aos teléfonos 605 003 782 e 981 948 168. Tamén haberá unha sesión aberta de Tai-Chi terapéutico o día 2 de outubro ás 18.00 horas na praza do Convento do Rosario.
O Club Brío ofrece durante este mes clases abertas de ximnasia rítmica para aquelas familias que queiran apuntar aos seus nenos. Desenvólvense os luns de 16.00 a 17.30 horas e os xoves de 17.30 a 19.00 horas no pavillón municipal.
E as clases de Zumba serán no ximnasio do CPI. Haberá varias sesións abertas para que a xente se anime a participar nun xeito distinto de bailar e facer exercicio ou de facer exercicio mentres se baila. A data da exhibición participativa aínda non está fixada.