FERROL360 | Mércores 18 maio 2016 | 12:58
Este mércores abre o prazo de inscrición no programa ConciliaEscola Verán para nenos de Narón de entre 4 e 12 anos. Este programa de conciliación laboral e familiar, organizado polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 de agosto, en cinco quendas semanais, nas instalacións do CRA de Domirón.
Os interesados en anotarse poden facelo ata o 31 de maio entregando a solicitude de inscrición no Rexistro municipal, en horario de 8:30 a 13:30 horas. A participación na actividade supón un custe de 8,15 euros por cada semana e participante e está limitada a un máximo de cen persoas en total.
Nesta edición habrá diversos obradoiros: de cociña, de reciclaxe, deportivos, de medio ambiente e de xogos, entre outros, nos que contarán coa colaboración de varios monitores. As quendas establecidas son: do 27 de xuño ao 1 de xullo; do 4 de xullo ao 8 de xullo: do 11 de xullo ao 15 do mesmo mes; do 18 ao 22 de xullo e a última, do 26 de xullo ao 1 de agosto.
Horarios e paradas
Os horarios serán de 7:30 a 14:00 horas, con transporte só de volta, e de 9:00 a 14:00 horas con transporte de ida e volta. No que respecta aos desprazamentos, realizaranse paradas en todas as parroquias e informarase dos horarios nunha xuntanza previa ao inicio da actividade. En todo caso, será preciso adaptalos en función do número e cantidade de nenos a recoller en cada zona.
Inicialmente as paradas previstas son: na Casa da Mocidade (A Gándara); no polideportivo Campo da Serra (na Solaina); na Praza do colexio de Xuvia; no Centro Cívico de Piñeiros; no Centro Cívico de San Mateo; na cooperativa do Val; no Pazo Libunca (San Xiao); no Paraxe, en Castro; no Centro Cívico de Sedes; e nas inmediacións das igrexas de Doso e Pedroso.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e terán preferencia os pequenos empadroados en Narón e cuxos pais traballen durante as datas nas que se desenvolve o programa. Para obter máis información pódese chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1113 e 1115).
A concelleira de Igualdade, Teresa Saibo, sinala que este programa ten como obxectivo «facilitar a conciliación da vida familiar e laboral aos naroneses e naronesas, ao tempo que apostamos por implicar aos nenos e nenas en diversas actividades formativas, deportivas e lúdicas coas que gozar do seu tempo de ocio durante uns días do verán».