Home / Sociedad / Tendencias / Mercadillos / Aberto o prazo de inscrición para a instalación de postos na XXIII Feira da Plantación de San Sadurniño

Aberto o prazo de inscrición para a instalación de postos na XXIII Feira da Plantación de San Sadurniño

FERROL360 | Venres 6 abril 2018 | 9:47

O Concello de San Sadurniño ven de abrir o prazo de inscrición para a instalación de postos na Feira da Plantación, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de abril. Unha cita que xa é un referente comarcal para atopar todo tipo de planta e flor de temporada, pero tamén artesanía e outros produtos da terra.

Os postos que desexen participar poden achegar as instancias de inscrición ata o 25 de abril ás 14.00 horas e poden presentarse das seguintes maneiras: directamente no rexistro municipal ou a través da sede electrónica, por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviando a ficha debidamente cuberta ao correo gutibtt@gmail.com.

O Concello marcou unhas dimensións máximas de catro metros por posto, agás os viveiros que se situarán debaixo da carpa principal, que poderán ocupar ata 10 metros. A Feira da Plantación terá lugar ao pé do colexio público durante toda a xornada do domingo.

O prezo público da participación, co obxectivo de cubrir parte dos custes de organizar o evento, é 3 euros para os postos de produtos do sector primario e artesanía e de 5 euros para os expositores de planta e maquinaria agrícola, que se deberán abonar previamente na conta do Concello. As entidades sen fins de lucro poden participar de balde.

Programa

A programación municipal repetirá o esquema que tan bos resultados deu nos últimos anos, onde se combina a ampla e colorida oferta con obradoiros, sorteos e o tradicional agasallo dunha planta ornamental para cada asistente, en colaboración coa empresa Vivergal.

Os postos abrirán ás 10.00 horas., na súa maioría baixo unha carpa de 2.000 m² que nos últimos dous anos fixo boa falla por mor das treboadas primaverais que, porén, non chegaron a deslucir a feira. A oferta de talleres componse de dúas demostracións de elaboración de pementón -unha a partir das 12.00 horas e outra das 17.00 horas en diante- abertas a todas as idades.

Para a rapazada maior de 3 anos organizouse un obradoiro gratuíto de fabricación de sacos aromáticos en horario de tarde -de 16.30 a 18.30 horas- que se irá cubrindo por orde de chegada á actividade. No transcurso da XXIII Feira da Plantación tamén haberá dous sorteos de lotes de produtos da terra. O primeiro será ás 14.00 horas e o segundo ás 19.00 horas, xusto antes da clausura.

Para participar nos sorteos os distintos postos entregarán un tique con cada compra que logo haberá que depositar na urna situada no expositor municipal, onde tamén se fará a entrega das plantas de agasallo.
Ademais de poñer en valor o rural e o seu potencial, a feira tamén é unha escusa perfecta para achegarse a

San Sadurniño e botar o día coñecendo o territorio ou gozando da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros do municipio. No caso dos restaurantes e mesóns próximos aconséllase reservar mesa con tempo de adianto suficiente.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies