FERROL360 | Domingo 17 xaneiro 2016 | 20:17
Os locais sociais da zona rural acollerán, a partir do vindeiro mes de febreiro, cursos gratuítos de informática nunha iniciativa enmarcada na programación Cemit Rural 2016 e que se desenvolverá ata o mes de maio, cunha duración de 452 horas por curso.
As sesións impartiranse a grupos de dez persoas, aínda que poderían ampliarse ata doce no caso de que as dúas restantes leven ordenadores portátiles ás sesións, xa que nos locais sociais hai dez equipos. As persoas interesadas en anotarse poden facelo nos locais sociais de San Mateo, San Xiao, Doso, Castro, Pedroso e O Val, e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
En San Mateo haberá clases de Iniciación á navegación e de Iniciación á informática para nenos e nenas de Primaria; en San Xiao, un Curso Básico de Fotografía e outro de Habilidades dixitais básicas. Este último convócase tamén nos locais sociais de Doso, Castro Pedroso e O Val e no mesmo os asistes aprenderán a manexar diferentes programas e tamén a navegar por internet e a utilizar o correo electrónico.
As clases desenvolveranse en todos os grupos en horario de tarde excepto no caso do curso solicitado en San Mateo para nenos e nenas de Primaria, que será os sábados –o resto son entre o luns e o venres- e polas mañás.