Home / Sociedad / Tendencias / Mercadillos / Aberto o prazo para reservar espazos na XI Feira Rural de San Sadurniño

Aberto o prazo para reservar espazos na XI Feira Rural de San Sadurniño

FERROL360 | Martes 30 xullo 2019 | 11:23

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño vén de abrir o prazo para reservar espazos na XI Feira Rural, que se celebrará o sábado 31 de agosto. Será na zona da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia, en horario de mañá e tarde. Un evento cun amplo programa, que ademais do mercado tamén inclúe exposicións, obradoiros, visitas guiadas e o tradicional concurso de froita autóctona.

O prazo de reserva de espazo está aberto ata o día 28 de agosto e para montar un posto só fai falla presentar cuberta a folla de solicitude no Rexistro do Concello, na Casa da Cultura, por correo postal ou por correo electrónico dirixido a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A organización da feira fixou en catro metros liñais o máximo que se poderá reservar debaixo da carpa principal da feira, que acollerá a venda de produtos alimentarios frescos e elaborados, mentres que nos sendeiros do arboreto o tope serán 20 metros.

Para cubrir parte dos custos da cita están establecidos os seguintes prezos por posto: 3 euros ata 5 metros liñais, 10 euros se os expositores miden entre 5 e 10 metros de fronte, e 25 euros se o seu tamaño anda entre os 10 e os 20 metros. O prezo baixo carpa -limitado a 4 metros liñais como máximo- será de 6 euros.

As entidades sen ánimo de lucro de calquera tipo que queiran acudir á feira están exentas destes prezos públicos, aínda que deberán respectar igualmente o tamaño de exposición dependendo de onde se sitúen. Ademais, xunto coa solicitude deberán achegar unha copia dos estatutos para acreditar a súa condición de non ter finalidade lucrativa.

Os importes haberá que satisfacelos por transferencia bancaria na conta do Concello -o número figura na ficha de inscrición- ou ben presencialmente na oficina de Cultura pagando con tarxeta mediante TPV. En calquera caso os resgardos do pagamento haberá que presentalos o propio día da feira antes de montar o posto.

Programación

A partir das 10.00 horas abrirá o mercado cos produtos habituais de alimentación, planta, artesanía, maquinaria e segunda man, aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao Colmear didáctico, exhibicións de cetraría, catas, o sorteo de lotes de produtos, paseos en canoa, exposicións relacionadas co sector primario e incluso un apartado centrado no coñecemento do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A feira contará con amplas zonas de aparcamento e con lugar para xantar churrasco ou polbo.

O lecer continuará na Cortiña trala feira coa celebración ao día seguinte, o domingo 1 de setembro, do Festival Sons na Cortiña. Dirixido a público familiar, arrancará ao mediodía cunha exhibición de hip-hop da Asociación Cultural Brío e unha batukada a cargo da Asociación Concienciarte.

Á tarde, de 15.00 a 18.00 horas, está reservada para os xogos tradicionais e populares, ademais de ofertarse un obradoiro de circo e un circuíto de coches a radio control. Da parte musical ocuparanse a partir das 17.30h. Uxía Lambona e a Banda Molona, ademais do grupo The Tetas Van.

Paralelamente, a asociación Brío tamén convoca conxuntamente coa AECC unha marcha solidaria contra o cancro con saída ás 12.30 horas da beira do Xubia. Farase un percorrido circular de catro quilómetros.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies