FERROL360 | Martes 28 abril 2015 | 18:30
A asociación ecoloxista ADEGA asegura que Navantia Fene ten previsto levar a cabo un novo proxecto de recheo na ría de Ferrol, que se iniciará de xeito inminente. Segundo indica a entidade nun comunicado, a zona afectada será a ubicada entre o peirao un e o dous da factoría, enfronte do taller de plomeiros, e tamén ao lado do peirao oito.
ADEGA indica que «parece de todo absurdo que queiran ampliar as súas instalacións» cando o estaleiro case non ten carga de traballo. Así, pregúntanse «porque necesitaría entón “ganarlle” uns metros ao mar?».
Este recheo non vai a supoñer á empresa unha mellora importante nas súas infraestruturas, pero «significa un suma e segue na desaparición dos ecosistemas da ría», critican desde a organización ecoloxista.
Segundo indican desde ADEGA, a desaparición de hábitat é un dos principais problemas ecolóxicos do litoral, e a ría de Ferrol é un bo exemplo das consecuencias deste problema. Así, advierten que a degradación que sufre a ría «é en gran parte consecuencia destes recheos, posto que moitos deles alteraron a circulación normal da auga e outros ocupan hábitats indispensábeis para o ecosistema».