FERROL360 | Martes 8 decembro 2015 | 17:49
ADEGA non ve con bos ollos as actuacións realizadas nos últimos días na lagoa da Frouxeira. E é que a entidade considera que «alterar a dinámica natural a golpe de escavadora para salvagardar un paseo marítimo mal deseñado non é unha estratexia válida para xestionar un espazo protexido».
Neste senso, a asociación ecoloxista denuncia nun comunicado que as palas entran na praia «para a abrir a lagoa e evitar a inundación dun paseo marítimo que nunca debeu ser construído e menos aínda autorizado».
Debido a esta acción altérase a barreira litoral provocando o desaugadoiro da lagoa, un comportamento contrario ás tendencias naturais que «provoca unha grave afección sobre o estado de conservación dos hábitats e as poboacións de flora e fauna acuática», así como sobre a estrutura e o funcionamento ecolóxico do humidal, din desde ADEGA.
Desde a entidade critican ademais que este ano os técnicos da Xunta iniciaron a apertura o pasado día 4, contravindo os criterios fixados no Plano de Conservación. «Alterouse a barreira litoral e tratouse de enmendar o erro abrindo unha nova canle ao día seguinte» pero tampouco se axusta ás especificacións establecidas, afirman desde ADEGA.
Así as cousas, a asociación sinala que todas estas actuacións «serían innecesarias se as administracións remodelaran un paseo marítimo mal executado». Conclúe a entidade que estase a prevalecer os usos urbanos sobre a conservación dun espazo natural multiprotexido.