FERROL360 | Martes 17 maio 2022 | 14:38
Dando por feito que a choiva non dará tregua nesta xornada de martes, o Concello de Valdoviño tomou a decisión, xunto á compañía Nova Galega da Danza, de adiar a representación de Credo que estaba programada para as oito e media do serán en Pantín co gallo do Día das Letras. Explican, ademais, que «é imposible realizar a montaxe previa de son e escenografía, con que non queda outro remedio que buscar nova data na axenda».
Lamentando as molestias e comprometendo a información da nova data con antelación, a compañía dirixida polo ferrolán Jaime Pablo Díaz terá que agardar para pór en escena nun dos lugares máis especiais para el esta peza baseada nos versos da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro conxugados polos cruceiros repartidos polos camiños de Santiago.
Seis bailaríns e bailarinas comparten escena neste traballo que mestura música e danza conceptual, sendo ademais moi esixente no físico, con máis de media hora de actuación ao máximo nivel. A banda sonoro orixinal está asinada por Sergio Moure e a coreografía tamén polo ferrolán Jaime Pablo Díaz, contando co patrocinio da Xunta a través da Agadic.