FERROL360 | Mércores 7 outubro 2015 | 8:45
A Fundación Galicia Obra Social organiza o ciclo de cinema «Os de máis de 60 contamos» co obxectivo de estender a campaña do Día Internacional das Persoas Maiores. Le Week-End, En construcción, Un amigo para Frank e Sang Woo y su abuela, son as catro películas escollidas que se poderán ver na sede da entidade en Ferrol e Pontedeume.
As cintas abordarán desde diferentes perspectivas as incertezas e os retos de ser maior, a soidade, a perda, pero tamén a ilusión de vivir e a oportunidade de renovarse, aprender e seguir medrando. As proxeccións terán entrada libre e gratuíta.
Sang Woo y su abuela xira ao redor da relación entre un neno de sete anos e a súa avoa, coa que terá que pasar unha tempada nunha aldea do rural, afastado de todas as comodidades da cidade. A distancia xeracional e a diferenza de estilos de vida entrarán en conflito para ambos os personaxes que deberán aprender a entenderse e comunicarse.
O filme proxectarase na sede de Afundación en Ferrol este xoves ás 20:00 horas e o vindeiro 19 de outubro no Centro de Maiores de Ferreiros, en Pontedeume, a partires das 18:00 horas.
Ambientada nun futuro próximo, Un amigo para Frank xira ao redor da relación entre Frank, un vello solitario e calado que sofre frecuentes perdas de memoria, e o robot que se encarga de coidalo. Pouco a pouco Frank comezará a facerse amigo da máquina ata o punto de ensinarlle algunhas das súas secretas habilidades.
O filme proxectarase na sede de Afundación en Ferrol o vindeiro 15 de outubro ás 20:00 horas.
Le Week-End é unha comedia romántica dirixida por Roger Michell que trata sobre o amor maduro dunha parella británica de profesores retirados que volven a París anos despois da súa lúa de mel para celebraren o seu aniversario e tentar superar unha crise matrimonial.
O filme proxectarase na sede de Afundación en Ferrol o vindeiro 22 de outubro ás 20:00 horas e 28 de outubro no Centro de Maiores de Ferreiros, en Pontedeume, a partires das 18:00 horas.
En construcción narra a transformación dun barrio popular de Barcelona, no que se inicia a construción dun bloque de vivendas e o derrube de parte das súas antigas casas, cambiando o espazo urbano e tamén a paisaxe humana. As persoas maiores, entre outros actores, ofrecerán o seu relato deste proceso coñecido entre os urbanistas como «gentrification».
O filme proxectarase na sede de Afundación en Ferrol o vindeiro 29 de outubro ás 20:00 horas.