FERROL360 | Xoves 21 abril 2016 | 16:53
Unha treintena de alumnos de Primaria do colexio Virxe do Mar participarán este sábado na tradicional plantación de árbores que anualmente realiza a Asociación Xuvenil de Tempo Libre Croio con estudantes de Narón.
A actividade desenvolverase no paseo marítimo de Xuvia, á altura da parte traseira da igrexa de Santa Rita, ás 11:30 horas. Os participantes reuniranse na zona e recibirán unha pequena explicación dos representantes da entidade sobre como plantar unha árbore.
Unha vez repartidas as ferramentas, chegará a hora de poñerse mans á obra e plantar un total de corenta árbores de diferentes especies, coma o liquidámbar, magnolio, loureiro portuxés, callistemo, arce xaponés e acivro.
A cada árbore colocaráselle unha etiqueta co nome das persoas que colaboraron na súa plantación e tamén co da especie á que pertence. A organización recomenda aos asistentes acudir con roupa e calzado axeitados para a ocasión.
Na convocatoria tamén participarán o alcalde, José Manuel Blanco, e varios edís da corporación municipal, entre eles o de Medio Ambiente, Octavio Dopico.