Home / REC360 / Entrevistas / Álvaro Montes: «Queremos que a xente asuma a lingua como algo propio non como unha cuestión política»

Álvaro Montes: «Queremos que a xente asuma a lingua como algo propio non como unha cuestión política»

MARTA CORRAL | Ferrol | 29 agosto 2015 | 14:43

É doado ver a Álvaro Montes polos corredores do concello de aquí para alá. As áreas que dirixe dende a toma de posesión o pasado xuño son, quizais, das que requiren máis contacto co resto das concellerías. Participación, Novas Tecnoloxías e Normalización Lingüística, viviron até fai pouco, na opinión do edil de Ferrol en Común, relegadas a un segundo plano.

É case a hora de xantar cando mantivemos esta conversa diante dunha 1906 e máis unha auga fría, para falar do galego en Ferrol. Do longo camiño que, semella, queda aínda por percorrer para acadar, coma salienta Montes cos ollos acendidos, «o uso do galego na vida cotiá dos ferroláns e ferrolás».

Cóntame que dende que chegou o novo Goberno ao Concello, o uso do galego espallouse con normalidade nos espazos comúns, nas conversas propias do traballo, mesmo entre o persoal municipal. Deste mesmo xeito pretende facelo no resto da cidade, paseniño, colaborando con entidades e proxectos, ofrecendo as ferramentas e sendo positivos, sen crear «espazos de enfrontamento ».

FERROL360 – Chegades ao Concello logo de catro anos onde a presenza do galego na Administración local estivo baixo mínimos. Como atopaches a área de Normalización?
ÁLVARO MONTES – Con respecto ás outras áreas está bastante ben, porque o pouco orzamento que tiña estaba case todo sen empregar. O cal tamén indica que non había un interese especial por esa área. Si é certo que se mantiveron as actividades tradicionais, nas que se colabora coas equipas de Normalización Lingüística dos institutos, coma a Mocidade coa lingua ou os microrrelatos; pero incluso tampouco se facía uso das subvencións da Xunta e a Deputación para actividades municipais.

360 – Case todo por facer. Un bo punto de partida para calquera concelleiro. Cal é a vosa folla de ruta?
AM – Os nenos e nenas serán protagonistas dende o comezo das políticas a desenvolver. De feito, nas Festas de Ferrol, temos feito un grande esforzo pensando nos máis cativos, con catro propostas que están a ter unha moi boa acollida: o cine ao aire libre, o teatro, o contacontos ilustrado e musicado e o musical do vindeiro luns.

Nós dividimos o plano de traballo da área en catro períodos cadrando co calendario escolar: o verán, o Nadal, a Semana Santa e o tempo de aulas. A idea é facer actividades para a época de lecer dos nenos, nenas e familias e outras orientadas aos centros, elaboradas en colaboración cos centros.

360 – E para os que non somos tan cativos?
AM – Queremos crear espazos naturais de uso do galego. Damos por superado o tema da cartelería e as publicacións, que non aporta gran cousa ao plano de traballo, para sumar esforzos no eido do uso real da lingua. Dende o Concello podemos facelo nas actividades que realizamos ou nas que patrocinamos, pero tamén cambiando os criterios de baremación das entidades culturais ou das asociacións, valorando o uso real da lingua.

Normalización tamén aposta por seren un pouco a vangarda, recuperar espazos e abrilos, onde o galego non chega. Non se trata de que sexa un apartado da área de Cultura pero en galego. Queremos recuperar o comercio, os mercados… a vida cotiá dos veciños e veciñas. E, de xeito especial, gustaríanos facer algo no eido da animación ou do cine. Estamos pendentes do orzamento do 2016, pero cremos que é un campo onde a nivel galego hai moi bos profesionais que están véndose condenados a emigrar porque a aposta dentro da Xunta non foi moi clara.

360 – Algo así coma unha produtora municipal?
AM – Aínda temos que definilo falando con profesionais do sector, pero sería máis ben facer de Ferrol unha referencia dalgún certame de animación, de cine, de curtametraxes ou de algo relacionado. Agardamos no 2016 contar con máis medios para poder facer esta aposta interesante e novidosa. Tamén tentaremos centrarnos en manter as propostas das equipas de Normalización nas actividades de guión teatral, narrativa e poesía.

360 – Teredes que traballar, entón, preto de outras concellerías e administracións…
AM – O compromiso de Ferrol en Común é unha aposta clara polos espazos culturais e de uso do galego. Nese sentido dende o Concello agardamos que haxa colaboración tamén co resto de administracións. Normalización quedou esquinada pola Xunta e a Deputación. No propio Concello era aínda moito máis grave o tema porque non se cumpría a ordenanza de Normalización nin o Plan.

360 – Agora, polo menos, o Pleno xa deu o sei apoio a eses documentos e mesmo os concelleiros de case todos os grupos están a falar galego nas sesións…
AM – A nosa intención é ser positivos. Valorar os esforzos que podan facer os distintos grupos e as distintas entidades, e non crear un espazo de resistencia dentro da área. Queremos que a xente asuma a lingua como algo propio non como unha cuestión política -como moitas veces interesaba vender-, e nese sentido imos ser bastante colaboradores e pór medios para quen queira asumilo e empezar a usar e participar das cuestións da vida social e política en galego.

360 – E como imos de galegofalantes en Ferrol?
AM – O número de galegofalantes tanto en Ferrol como no resto das áreas urbanas é á baixa. O fenómeno está sucedendo tamén nas áreas rurais e semi rurais. As políticas lingüísticas de socialización na lingua chamada A, que neste caso é o castelán, fan que, por exemplo, os nenos entren no colexio galegofalantes e saian sendo castelán falantes. É unha mostra da situación en cuestións educativas.

360 – E o remedio pasa…
AM – O modelo debe mudar. Non se pode facer dende as áreas de Normalización espazos de resistencia. Esas áreas deben centrarse no uso natural. Hai que abandonar a idea de crear micro espazos e hai que transcender do que acaba creando espazos de enfrontamento. Hai que ir á vida real e cotiá das persoas e abrir eses camiños que están por explorar.

360 – Os nenos, dalgún xeito, o teñen máis doado, pero que ocorre coas persoas que non tiveron contacto co galego nas escolas e que decidan comezar a falalo?
AM – Faremos políticas, accións e programas para neofalantes, así como para persoas emigrantes que non coñecen a lingua. Estes xa se fixeron no pasado con certo éxito, o cal tamén di que a xente que vén de fóra ten interese pola nosa cultura e pola nosa lingua, e que moitas veces somos nós mesmos os que temos convertido a lingua propia nunha lingua B, potenciando o uso social do castelán. Iso ten que cambiar.

Todo o mundo ten acceso a actividades nesa lingua, porén na lingua galega hai moitas dificultades para acceder a cousas tan básica como ver unha película. As empresas distribuidoras, por poñer un exemplo, apostan polo castelán, o euskera ou catalán, e moi pouco polo galego.

360 – É importante, polo tanto, que toda a oferta municipal do Concello pase tamén pola lingua galega.
AM – As administracións temos esa responsabilidade. Nós, por exemplo, apostamos pola nosa programación dentro das festas en galego e en familia. Un exemplo é o do espectáculo do derradeiro día de festas. Antes dos Fogos de San Ramón, que cadra en día laborable e tampouco se presta moito ao típico concerto que houbo noutros anos.

A nena e o grilo van de festa! é un espectáculo musical teatralizado que xa estivo noutras cidades cun éxito notable que pensamos que vai repetir en Ferrol. E que nesa xornada especial de fogos que a xente poda acudir cos fillos antes, para que toda a tarde no centro haxa vida e xente na rúa.

2 comentarios

  1. Que cada cual hable en el idioma que le de la gana y punto, basta de imponer uno u otro.

  2. Iso que dis é unha tonteria.Entón ti que fas levando política linguistica se a lingua non é política. Dende sempre a lingua foi impulsada ou degradada políticamente. Mal vamos se dende os conceptos xa estamos errados.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies