Home / Actualidad / André Abeledo: «Conseguimos demostrar que estamos no concello para construír e para mellorar a vida da veciñanza»

André Abeledo: «Conseguimos demostrar que estamos no concello para construír e para mellorar a vida da veciñanza»

André Abeledo, candidato de Narón por Diante á Alcaldía de Narón (cedida)

André Abeledo, candidato de Narón por Diante á Alcaldía de Narón (cedida)

FERROL360 | Domingo 19 maio 2019 | 14:27

André Abeledo, candidato de Narón Por Diante-Son en Común, preséntase por segunda vez ás eleccións municipais en Narón. Desta volta, mediante unha coalición de partidos e coa experiencia de ter traballado desde a oposición nestes catro últimos anos no Concello. Convencido de que darán unha gran sorpresa, Abeledo considera que o compromiso coa veciñanza amosado durante o mandato dará bos resultados á súa formación.

Defensor dos sevizos públicos, móstrase aberto ao entendemento entre as diferentes forzas e asegura que a palabra ten que ser de aceiro cando se asumen compromisos. Entre algunhas das súas prospostas salientan a creación dun parque público de vivenda en alugueiro, facer de Narón unha cidade accesible e apostar pola zona rural.

FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes catro anos.
ANDRÉ ABELEDO – Penso que o éxito foi ser capaces de propoñer e en moitas ocasións convencer, a pesar de que numericamente só contabamos con 1 concelleiro de 21. O noso peso político foi moito maior, gran parte das nosas mocións e propostas foron aprobadas ou asumidas, e conseguimos demostrar que estamos no concello para construír e para mellorar a vida da veciñanza máis aló de calquera interese persoal ou de partido. Sempre digo que debemos ser capaces en ocasións de perder parte da nosa razón sen renunciar nin ó primeiro dos nosos principios cando se fai polo ben da veciñanza.

Erros seguramente cometemos, pero tamén por falta de medios e de forza, que non de ganas, por iso agora reforzámonos cunha candidatura moito máis ampla, axuntamos forzas e nos dotamos de ferramentas para defender mellor os intereses das naronesas e dos naroneses.

360 – Que tres desexos lle pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
AA – Un centro de saúde que cubra as necesidade dunha cidade como Narón. Que o saneamento da nosa ría sexa de interese xeral e non se castigue as naronesas e naroneses. Que os nosos apeadeiros conxuntamente có transporte público de un servizo de calidade que permita que o dereito da veciñanza a mobilidade este garantido.

360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
AA – Debemos evitar o feche de Poligal, POLIGAL NON SE FECHA!.

360 – Cal é a primeira medida que tomará ao chegar á Alcaldía?
AA – O primeiro sería reunir a todo o equipo de Narón Por Diante para comezar a traballar con honestidade para cumprir o noso compromiso coa veciñanza. E comezar a artellar as ferramentas para abrir as portas do concello a veciñanza.

360 – Cales son as prioridades do municipio?
AA – É preciso que no concello de Narón enténdase como prioritario o estabelecemento dun parque público de vivenda en alugueiro. Apostamos polo público. Entendemos que os servizos básicos non poden ser un negocio e deben estar ao servizo da veciñanza. Queremos uns servizos sociais activos. Queremos garantir que ningún naronés ou naronesa queden excluídos da sociedade por motivos económicos, ter uns servicios sociais activos, e unhas políticas socias proactivas. É necesaria a optimización do transporte público. Apostamos por un transporte público que dea un servizo que garanta o dereito a mobilidade da cidadanía e oferte liñas ao polígono e aos centros educativos.

Queremos unha cidade accesible. Sen atrancos para as persoas con mobilidade reducida e onde todos os edificios públicos e zoas de lecer estean adaptados. Apostamos polo deporte de base. Para que as nosas crianzas poidan practicar o seu deporte independentemente de onde vivan. Debemos recuperar o rural. Ofertar servizos básicos, centros educativos e transporte ao noso rural que permitan afincar poboación.

Apostamos pola creación dunha Concelleira de Muller e Igualdade. Que traballe con todos os medios posibles contra a violencia de xénero, contra o machismo, e en prol da igualdade real entre homes e mulleres. Apostamos pola formación das traballadoras e traballadores. Para que que en Narón impártanse aqueles ciclos con mais saídas laborais, polas axudas ao auto emprego e ao cooperativismo como un xeito de loitar contra a lacra do paro que tortura a nosa comarca.

Temos un modelo de cidade baseado na equidade social. Pensamos que Narón precisa de optimizar os seus recursos, precisamos ter un modelo de crecemento como cidade de futuro, sostible medioambientalmente e de equidade social no que a poboación non se vexa obrigada a marchar. Pensamos que xa vai ben de promesas incumpridas e de obras faraónicas que malgastan cartos de todas e todos entendemos que é tempo por empregar os recursos públicos en mellorar a vida da nosa veciñanza, en humanizar a nosa cidade.

360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
AA – Queremos uns servizos sociais activos. Queremos garantir que ningún naronés ou naronesa queden excluídos da sociedade por motivos económicos, ter uns servicios sociais activos, e unhas políticas socias proactivas. Apostamos pola creación dunha Concelleira de Muller e Igualdade. Que traballe con todos os medios posibles contra a violencia de xénero, contra o machismo, e en prol da igualdade real entre homes e mulleres.

360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
AA – Os estaleiros son a columna vertebral da nosa comarca, pero unha cidade como Narón con uns Polígonos como os que temos debemos diversificar.

360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
AA – Apostamos pola formación dos traballadores e traballadoras. Para que que en Narón impártanse aqueles ciclos con mais saídas laborais, polas axudas ao auto emprego e ao cooperativismo como un xeito de loitar contra a lacra do paro que tortura a nosa comarca.

360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
AA – Entendo aos lectores, pero nos máis que prometer escoitamos, e pensamos que máis que obras faraónicas temos que optimizar recursos.

360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
AA – Un si rotundo, a recuperación dos servizos básicos para que sexan servizos e non negocios é necesaria.

360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refugio mancomunado de Mougá.
AA – Penso que temos moito traballo nese senso, temos que cambiar completamente o concepto, un animal non é unha cousa ou un xoguete, e tanto as ordenanzas do concello como as instalacións destinadas ao seu rescate teñen que respectar tamén os dereitos dos animais.

360 – Onde podem consultar os cidadáns o seu programa electoral completo?
AA – Será subido ao noso blog, compartido nas redes e enviado a prensa.

360 – As relacións entre Narón e Ferrol melloraron estes últimos anos?
AA – Cando a esquerda goberna as relacións melloran porque os intereses da veciñanza están por riba de todo.

360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
AA – Esas decisións debe tomalas a veciñanza.

360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
AA – Vivimos nunha sociedade plural e iso reflíctese na vida política.

360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
AA – Admiro a honestidade e a humildade, e tamén a capacidade de escoitar e aprender.

360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
AA – Na miña familia tamén sonche xente de esquerdas que entenden da necesidade de organizarse para defender os intereses da maioría.

360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleiro ou concelleira?
AA – Estarei onde a veciñanza e a nosa militancia decidan que debo estar.

360 – Se chega á Alcaldía, mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
AA – Como calquera traballador un salario digno.

360 – Está aberto ou aberta aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
AA – Somos a esquerda de verdade, consecuente e responsable, aberta a negociar, pero non coa dereita.

360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
AA – Normalmente tomo cervexa cós amigos, pero tampouco négolle unha cervexa a ninguén.

360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposto ou disposta a non presentarse máis?
AA – Por suposto, a palabra ten que ser de aceiro.

360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
AA – Cando menos tento facer escoitar a miña voz cada día, non sei si o consigo.

360 – Se atreve a facer unha aposta de resultados?
AA – Imos a dar unha gran sorpresa.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*