FERROL360 | Martes 25 xuño 2019 | 9:39
A Concellería de Cultura de Ares convoca a terceira edición do Concurso de Fotografía Xuvenil dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos. Unha proposta coa que o Concello busca animar á rapazada a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos e situacións da súa contorna que consideren parte da súa identidade.
O concurso conta con dúas modalidades divididas por idades: a categoría A para a rapazada de 8 a 12 anos e a categoría B para mozas e mozos de 13 a 18 anos. Todas as persoas participantes deberán estar empadroadas en Ares.
O prazo de presentación das imaxes xa está aberto e pecharase o vindeiro martes 15 de outubro. Para participar hai que enviar as fotografías, dúas como máximo, ao enderezo electrónico: concursofotografia@concellodeares.com. As fotografías deberán ter formato JPEG ou JPG, cun tamaño de 6 a 12 megapíxeles.
No mesmo correo, os participantes terán que achegar obrigatoriamente os formularios de participación e de identificación das fotografías cubertos e asinados que se poderán descargar na páxina web do Concello. No caso de que nas fotografías aparezan terceiras persoas deberán achegar tamén escaneada a autorización de imaxe asinada por elas. www.concellodeares.com.
Así mesmo, as bases do concurso establecen que non serán admitidas imaxes obtidas mediante fotocomposición nin manipulación dixital, nin aquelas que conteñan imaxes violentas ou degradantes para individuos ou organizacións. As fotografías deberán ser orixinais, non publicadas nin presentadas a ningún concurso con anterioridade.
O xurado seleccionará un total de seis fotos, tres por cada categoría, atendendo a criterios de seguimento das bases, creatividade e orixinalidade da obra. As fotografías gañadoras do certame pasarán a formar parte do calendario do Concello para o ano 2020, identificando o nome dos autores. Ademais, os gañadores recibirán un lote de libros e 50 euros en metálico para as modalidades A e B respectivamente.
A Concellería de Cultura convida á mocidade «a ollar a súa contorna para recoñecer a súa herdanza, espertando a capacidade de observar todo o que lles rodea e recoñecerse en pequeñas historias e/ou paisaxes que dean conta do seu vencellamento coa memoria colectiva do pobo de Ares».