FERROL360 | Xoves 2 xullo 2015 | 16:30
Ata o mes de setembro o centro de saúde de Cedeira someterase a varias obras de mellora das instalacións e da infraestrutura do inmoble. Así, substituirase o tambor circular de baldosa de vidro ou pavés da entrada principal por unha de ladrillo e fiestras; traballarase na impermeabilización da cuberta para impedir filtracións e pintarase e sanearase o interior do centro sanitario.
Estas intervencións dan resposta ó deterioro deste espazo, con deformacións estruturais, provocadas tanto polo desgaste como polas vibracións da circulación próxima ou á oxidación da armadura, o que fixo que caesen pezas e se produciran filtracións de auga.
Desde a Xerencia Integrada de Ferrol piden desculpas tanto aos usuarios como ós profesionais pola incomodidade que supón a convivencia con estas actuacións de mellora. E para tentar minimizar as molestias, os traballos máis complexos e molestos realizaranse fóra do horario laboral e de emprego do centro.
O centro de saúde de Cedeira atende preto de 6.900 tarxetas sanitarias, das que máis de 730 pertencen á idade pediátrica. Un total de 16 profesionais desenvolven o seu traballo neste centro de asistencial, entre facultativos, enfermería, técnicos de coidados auxiliares, pediatra, celadores, matrona e farmacéutica.
En 2014, realizaron un total de 40.010 consultas de medicina xeral; 24.872 de Enfermaría; 3.590 de pediatría; 314 de farmacia; e 963 de matrona. Rexistráronse preto de 50.000 determinacións analíticas. Neste centro, faise tamén cirurxía menor, ecografías, citoloxías, espirometrías, teledermatoloxía, crioterapia; e se activou o programa preventivo do cribado de cancro colorrectal.
Últimos comentarios