Home / Cultura / Arturo Lamas: «Hai cousas na cidade de Ferrol que non poden ser entendidas sen o Toxos e Froles»

Arturo Lamas: «Hai cousas na cidade de Ferrol que non poden ser entendidas sen o Toxos e Froles»

MARTA CORRAL | Ferrol | Mércores 19 outubro 2016 | 13:50

O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, decano destas agrupacións en Galicia, organiza os vindeiros 28 e 29 de outubro o congreso extraordinario Terra de Trasancos co obxectivo de afondar no Toxos, Ferrol e as Irmandades da Fala, cando se cumpren 100 anos do nacemento desta organización nacionalista galega grazas á cal o movemento galeguista asumiu o monolingüismo en lingua galega.

Unha ambiciosa proposta na que o Toxos conta coa colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Ferrol para facer deste un congreso «serio» e dotalo dun «talante o máis científico posíbel», como explica a Ferrol360 o presidente do coro, Arturo Lamas, adiantando que serán «historiadores, filólogos e intelectuais» os que leven o peso das conferencias e as mesas redondas.

O chamamento que o escritor ferrolán Aurelio Ribalta escribiu nas páxinas da revista Estudios Gallegos en 1915 defendendo a lingua foi o xermolo das Irmandades da Fala, sendo Antón Villar Ponte quen recolleu a luva ao promover a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego, publicando en marzo de 1916 o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional. De mans do viveirense xurdiría na Coruña a primeira das Irmandades, que se foron espallando polas cidades e grandes vilas galegas ao abeiro da pequena burguesía e os intelectuais. O 15 de abril de 1917 fundaríase a Irmandade ferrolá.

Retrato de Luis Amor, primeiro secretario do Toxos e membro das Irmandades (foto: Arquivo do Real Coro Toxos e Froles)

Retrato de Luis Amor, primeiro secretario do Toxos e membro das Irmandades (foto: Arquivo do Real Coro Toxos e Froles)

Un chisco de historia

«O Toxos supuxo unha parte importante da Irmandade de Ferrol, mais tamén deu soporte ao nacemento do movemento en toda Galicia», expón Lamas, lembrando as palabras da carta que «un gallego» -o documento vai asinado deste xeito-, remitiu a Ramón Cabanillas a comezos de 1916, na que aseguraba que «especialmente apoia a formación das Irmandades da Fala o Toxos e Froles dende Ferrol».

Esta misiva non será o único documento que vincule ao Toxos coas Irmandades. O 2 de maio de 1916, días antes desa xuntanza constitutiva das Irmandades na Coruña, o propio Villar Ponte adícalle a súa obra sobre o nacionalismo á entidade, recollendo no seu texto que o coro supón «un modelo e un garante da enxeleza de Galicia», relata Lamas.

Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, dous dos precursores do Toxos xunto ao gaiteiro Manuel Lorenzo Barja, formarán parte da directiva da Irmandade da Fala da cidade naval, presidida polo médico Xaime Quintanilla, quen presidiu tamén o coro entre xaneiro de 1922 e comezos de 1923. Emilio Bidegaín e Luis Amor -o primeiro secretario do coro, quen tiña moita amizade con Villa Ponte-, tomarán tamén parte do movemento nacionalista.

Con todo, non foi casualidade que o Toxos recibira na estación de tren de Ferrol o 11 de abril de 1917 -antes de terse fundado a Irmandade ferrolá- ao Comité d’aición galeguista da Hirmandade da Fala que percorría as vilas galegas desenvolvendo mitins de propaganda. O xornal A Nosa Terra deixaba testemuña de que o coro cantaría ese día os himnos galegos de Pondal e Veiga e máis o de Brañas e Taibo.

Aínda que no arquivo do Toxos atópanse todos estes documentos e mesmo a carta a Cabanillas está recollida por Xosé Insua, «queda moito por investigar», recoñece Arturo Lamas, engadindo que confía en que algunhas das comunicacións presentadas ao congreso poden botar algo máis de luz e «seguro que saltan cousas novas do papel que xogou o coro».

O certo é que os valores defendidos pola entidade que preside Arturo Lamas son en boa parte os enxalzados polas Irmandades: «O noso local é o único edificio dunha sociedade en Ferrol no que ondea a bandeira galega», lembra, insistindo en que o coro ten por obxecto «gardar os valores máis enxebres, conservar a nosa música, as nosas tradicións, os nosos cantos, os nosos bailes e as letras en galego, e espallalas polo mundo». «Hai que pensar que levamos 101 anos tendo a bandeira con nós nas distintas épocas polas que pasou o Estado, e iso non é cousa sinxela. Levar o traxe tradicional sempre con nós e algo importantísimo», observa.

Dende a inauguración do monumento a Fontenla Leal en 1998 o Toxos nunca faltou ao acto do Día da Patria Galega na praza de Esteiro (foto: Arquivo do Real Coro Toxos e Froles)

Dende a inauguración do monumento a Fontenla Leal en 1998 o Toxos nunca faltou ao acto do Día da Patria Galega na praza de Esteiro (foto: Arquivo do Real Coro Toxos e Froles)

Testemuña cultural dunha cidade ingrata

Os 101 anos do coro fan desta entidade unha testemuña viva da historia de Ferrol que sentiu no seu seo cada un dos cambios da sociedade ferrolá: «Hai cousas da cidade que non poden ser entendidas sen o Toxos, é un ben cultural de Ferrol», analiza Arturo Lamas, dicindo non comprender o motivo polo cal non se lle da a importancia suficiente dende os distintos gobernos que pasan polo Concello: «É incomprensíbel».

Grazas ao coro, por exemplo, temos na avenida de Esteiro o monumento a Concepción Arenal -sufragado por eles-, mais tampouco faltan nunca á súa cita con Torrente Ballester no camposanto de Serantes cada mes de xaneiro: «Se matas a capacidade das entidades que levan anos traballando e fan cousas, en Ferrol non se fará nada. Terás que darlle solucións aos seus problemas», apunta o presidente.

Lamas refírese en concreto á problemática que levan arrastrando dende hai ano e medio co seu local da rúa Madalena. «Non entendemos que levemos un ano e medio co ascensor pechado e a cafetería pechada porque disque lles falta rematar algo da obra. Isto nos afoga economicamente. Hai dous acordos plenarios nos que se recoñece o noso uso con todo o que hai dentro e non entendemos como o Concello ao que se lle cedeu o local e os cartos para o seu proxecto diga que non se pode abrir, se eles mesmos teñen que dar a licenza», denuncia Arturo Lamas.

A concesión da cafetería suponlle ao coro o ingreso dos cartos suficientes para pagar a luz, uns 6.000 euros ao ano, pero tamén un espazo de dinamización para a xente que participa das escolas ou para os propios coristas: «Deste xeito se dispersa a xente, non se crea grupo porque non podes nin tomar un café cos teus compañeiros, ademais que aquelo funcionaba e daba moita vida á cidade», conclúe.

O Toxos e Froles conta na actualidad con preto de 200 persoas entre o alumnado das escolas, o coro, a banda de gaitas, o grupo de baile e as cantareiras. «Dende que puxemos as escolas de balde, porque o que queremos é que participe a xente, témolas cheas», explica, amosando o seu desexo de procurar «relevo para que isto non morra».

Arturo Lamas, presidente do Toxos e Froles, recollendo de mans do alcalde de Ferrol un agasallo conmemorativo do centenario da entidade (foto: Concello de Ferrol)

Arturo Lamas, presidente do Toxos e Froles, recollendo de mans do alcalde de Ferrol un agasallo conmemorativo do centenario da entidade (foto: Concello de Ferrol)

O programa dun congreso intenso

O propio Lamas forma parte do comité organizador do congreso, ao que tamén pertencen o arquiveiro do Toxos, Fernando Dopico; el ex secretario, Pedro X. Blanco, e a historiadora Pilar Blanco. Máis dunha trintena de persoas xa formalizaron a súa inscrición -facelo é de balde-, e outras tantas persoas manifestaron a súa intención de asistir a algúns dos relatorios.

O venres 28 a recepción de participantes no local do Toxos comeza ás 16:00 horas. Logo do acto inaugural, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, abrirá os relatorios contextualizando a época das Irmandades e, de seguido, haberá unha mesa redonda sobre a figura de Xaime Quintanilla a cargo dos historiadores Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá. Esta primeira xornada rematará no monumento a Quintanilla na Alameda de Suanzes ás 20:00 horas onde terá lugar unha homenaxe ao que fora alcalde de Ferrol cando se cumpren 80 anos do seu fusilamento.

Xa o sábado 29 comeza a xornada coa lectura das comunicacións, continúa mesa redonda patrocinada pola RAG sobre a ilustración gráfica nas publicacións do tempo das Irmandades coa presenza de María Victoria Carballo-Calero Ramos, Pepe Barro e Siro López. Logo dun descanso para xantar os historiadores Manuela Santalla E Eliseo Fernández repasarán o Ferrol de antes das Irmandades e, pechando o congreso, Xosé María Dobarro e pedro X. Blanco falarán en mesa redonda de Toxos e Ferrol, primeiras adhesións ás Irmandades da Fala. O programa completo do congreso podémolo consultar nesta ligazón.

Ademais, como complemento ao congreso, o Toxos promove no seu local unha mostra de arquivos e fotografías da historia entretecida da entidade e as Irmandades durante todo este mes. En decembro, do 2 ao 27, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego levan ao Torrente Ballester a exposición conmemorativa itinerante Centenario das Irmandades da Fala 1916-2016. Saúde e Terra irmá(n)s.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*