FERROL360 | Xoves 29 decembro 2016 | 12:41
Un total de 98 rapaces empadroados en Narón, de entre 6 e 12 anos, inscribíronse nalgunha das actividades do programa DeporNadal, impulsado desde o Padroado de Deportes de Narón. O edil de Deportes, Román Romero, valorou o éxito desta proposta «pensada para que os menores poidan gozar da práctica de varios deportes durante o seu período de vacacións de Nadal».
As sesións desenvólvense en diferentes instalacións localizadas no termo municipal e rematarán o vindeiro 4 de xaneiro, programándose dúas modalidades deportivas por día, dunha hora e media de duración cada unha delas.
Así, esta semana hai clases de remo, natación, judo, balonmán, voleibol e baloncesto. A vindeira semana haberá xadrez, sesións de golf no Club de Golf Campomar e clases de Pádel. A oferta de actividades de DeporNadal 2016 comezou a desenvolverse o pasado luns con fútbol sala, tenis de mesa, tiro con arco e patinaxe.
O programa DeporNadal, que é de balde, conta coa colaboración dos clubes Cidade de Narón, Arco Narón, a Agrupación Deportiva Náutico Narón, Narón Volea, Tenis de Mesa Narón, PadelBy Fit, San Mateo Centro de Padel, Agrupación Deportiva Santiago Apóstol, Judo Club Narón, Club de Remo Narón, Círculo Xadrez Narón, ACD Gazapo e Club de Golf Campomar.