Home / Cultura / As cartas entre Carvalho Calero e Tomás Barros saen á luz grazas ao Club de Prensa de Ferrol

As cartas entre Carvalho Calero e Tomás Barros saen á luz grazas ao Club de Prensa de Ferrol

Barros e Carvalho Calero na imaxe que ilustra a cuberta do libro (cedida por Club de Prensa)

FERROL360 | Xoves 12 xaneiro 2023 | 15:30

Unha amizade con Ferrol ao fondo. Correspondencia entre Carvalho Calero e Tomás Barros (1947-1983) é o título do libro que este venres 13 de xaneiro se presentará contra ás 19:30 horas no centro cultural Torrente Ballester da cidade naval. Trátase dunha obra asinada polo catedrático da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato, e impulsado polo Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Concello ferrolán e a Xunta de Galicia.

A presidenta da entidade ferrolá, Xulia Díaz Sixto, valora que temos diante «un rigoroso e frutífero estudo da relación epistolar que Carvalho Calero e Tomás Barros mantiveron de 1947 a 1983 que o catedrático da Universidade da Coruña acometeu xenerosamente para achegarnos ao coñecemento das inquedanzas literarias e creativas que a prol da cultura galega intercambiaron os dous personaxes». O primeiro, profesor e literato, e o segundo pintor e intelectual que medrou en Ferrol.

Este novo volume achéganos á personalidade de Ricardo Carvalho Calero e á do seu discípulo e amigo Tomás Barros, tendo ademais en conta que, á súa vez, Freixeiro Mato foi pupilo de Barros pechando o círculo dun xeito case máxico. Tal e como subliña a profesora Pilar García Negro, que é autora do prólogo, supón «unha venturosa achega ao estudo da nosa cultura en xeral e de Ferrol en particular».

As persoas que asistan ao acto de presentación, no que haberá entrada libre ata esgotar aforo, levarán consigo un exemplar do libro. A cita estará presidida polo rexedor ferrolán, Ángel Mato, e o secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez. Estará Freixeiro Mato e tamén García Negro, ademais da propia Xulia Díaz Sixto moderando a mesa.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies