FERROL360 | Venres 24 febreiro 2017 | 13:09
Os amantes da gastronomía, do bo comer e sobre todo do grelo, teñen unha cita este domingo nas Pontes coa celebración da XXXVII Feira do Grelo. O programa de actos desta edición inclúe concurso de cestas de grelos, actuacións musicais, degustación popular, exposicións, demostracións ao vivo e actividades para os peques.
O mercado municipal abrirá as súas portas ás 08:00 horas para proceder á numeración das cestas participantes no concurso de grelos. As cestas permanecerán expostas de 10:00 a 11:00 horas, momento no que o xurado seleccionará ás gañadoras, que serán retiradas. A partir de aí, todas as demais se porán á venda.
Xa ás 12:30 horas o patio do colexio Santa María acollerá a entrega de premios das tres categorías do concurso: calidade do grelo, cestas mellor adornadas e o galardón especial Alexandre Pérez Sindín.
O gañador á calidade do grelo recibirá 300 euros, o segundo 250 e o terceiro 200 euros, ademais haberá tres accésits de 60 euros cada un. Na categoría de cestas mellor adornadas tamén haberá tamén tres premios. 300 euros ao gañador, 200 ao segundo e 100 euros para o terceiro clasificado.
A Concellería de Cultura, principal organizador da cita, confía en que este ano aumente a participación. «Esperamos que participen máis persoas que o pasado ano, que foi un mal ano para o grelo», explica Sonia Sueiro, concelleira de Cultura de As Pontes. Ademais como o tempo vai acompañar, Sueiro convida á veciñanza da vila e da comarca a asistir á cita gastronómica.
A continuación, chegará o momento da papanda con degustación popular con sopa de cocido, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garbanzos e patacas. Para a sobremesa, nada mellor que requeixo da Faeira con mel de Goente. Será na carpa instalada no patio do colexio. Cada menú terá un prezo de 15 euros e se servirá ata ás 15:00 horas. Tamén haberá racións para levar. «Este ano temos previsto facer 400 racións, incluso disporemos de ata 450», sinala Sueiras.
Exposición, música e actividades
A programación compleméntase cunha exposición de torneado e talla en madeira en vivo por parte da Asociación Amigos da Madeira e unha zona de xogos con refugallo para os máis pequenos con Ecoescola. Estas actividades desenvolveranse na rúa Ramón Cabanillas. Ademais, haberá visitas á Casa do Mel de Goente -de 16:00 a 21:00 horas- e ao Museo Etnográfico CPI Monte Caxado -de 11:30 a 13:00 horas-.
Como non podía ser doutro xeito, a música non faltará nesta feira e haberá animación na rúa durante toda a xornada a cargo dos grupos No Combaro, Os Feroces de Galgueira e Alfaia. A maiores, Radio Cos ofrecerá un concerto ás 12:30 horas na carpa da Praza de América e tomaralle o relevo Pelepau, ás 18:30 horas, no Cine Alovi coa comparsa pontesa Greleixas como teloneira. A entrada será gratuíta.
«Temos máis música que outros anos porque queremos xerar un ambiente festivo, que a xente veña a probar o menú degustación e que logo participe no resto das actividades», sinala a concelleira. Iso si, sen esquecer que o verdadeiro protagonista da xornada é o grelo.
Na carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda desenvolverase a mostra de Federación de Razas Autóctonas de Galicia, de 10:00 a 14:00 horas, con can de palleiro, porco celta, galiña de Mos e ovella galega. Tamén haberá unha freixoeira na Avenida da Coruña para satisfacer aos máis lambóns. Venderán freixós a un euros tres unidades.
Programación do sábado
As Pontes xa será unha festa o día previo á celebración da Feira do Grelo. Así, o sábado abrirá as súas portas a Feira itinerante Son de Campo, promovida pola Federación de Mulleres Rurais Fademur, que terá á venda produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética, xoiería, etc.
A venda e exposición, que se instalará na Praza de América, irá acompañada de demostracións ao vivo dirixidas a toda a familia. Permanecerá aberta en horario de 11:00 a 20:00 horas o sábado e de 11:00 a 18:00 horas o domingo.
Tamén na praza terá lugar a I Mostra da Camelia, con exposición de distintas variedades desta flor achegadas por membros da asociación de toda Galicia. A mostra contará o sábado cun obradoiro de esmaltado a cargo dun artesá de xoiería. Será na sala de exposicións do mercado vello de 16:30 a 19:30 horas.
A música tamén terá o seu protagonismo nesta xornada con actuación a cargo de Trevillas e Canavella durante todo o día e concerto da banda galega Caxade, ás 18:30 horas, na carpa Praza de América.
A xolda aínda continuará o martes 28 de febreiro coa celebración da Cabalgata de Entroido, que sairá da rúa Monte Caxado ás 17:00 horas e percorrerá as Avenidas de Ortigueira, de Castelao, praza do Hospital, Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e patrio do colexio Santa María. A Cabalgata contará cunha charanga que amenizará a celebración.
As inscricións para participar están abertas ata o día 27 de febreiro e repartiranse premios por carrozas, grupos, parellas, individual e infantil por importes desde os 800 ata os 60 euros.