Home / Sociedad / Educación / Avoaescola: educación en valores, en galego, inclusiva e na que as familias teñen moito que dicir

Avoaescola: educación en valores, en galego, inclusiva e na que as familias teñen moito que dicir

REBECA COLLADO | Xoves 6 marzo 2014 | 11:00

Adaptar a escola ás familias, ás necesidades ou particularidades que teñen cada un dos nenos, ofertar un espazo educativo en galego, integrador, respectuoso co medio e plural. Este é o concepto da Escola infantil Avoaescola Ferrolterra. Un proxecto educativo elaborado por profesionais, pero no que nas familias tamén participan activamente.

Aínda que este curso 2013-2014 a Avoaescola Ferrolterra non ten alumnado, xa que o pasado ano iniciaron moi tarde o proceso de inscrición, desde a directiva confían en abrir as súas portas o vindeiro curso. Para ter todo a punto nese momento os impulsores da Avoaescola Ferrolterra teñen en marcha unha iniciativa en Verkami para tratar de acadar financiamento que lles permita cubrir gastos do local e material, entre outros.

FERROL360 compartiu uns minutos co presidente da Avoaescola, Francisco López, para coñecer de preto o proxecto.

FERROL360 – En que consiste a Avoaescola?
FRANCISCO LÓPEZ – A Avoaescola é un proxecto de escola infantil en galego que pretende que os pequenos teñan un espazo nesta lingua, porque non existe, sobre todo no ámbito infantil. É unha escola en valores, laica e inclusiva, para todos e todas. Unha escola onde ós rapaces se lles respecten os seus ritmos de aprendizaxe e educación, para que teñan un eido propio. Ademais é respectuosa coa infancia e as familias.

360 – Como xurdiu o proxecto?
FL – Notamos que na Galiza hai unha falta desta atención en galego. Ademais a administración está a reducir escolas e nos parecía importante que exista a oportunidade de que os rapaces podan recibir educación en galego. Ademais, unha das cuestións fundamentais para o aprendizaxe dunha lingua é que os rapaces poidan expresarse nela. A lingua necesita dun proceso de mantemento desde o punto de vista xeracional, desde os avós ata os nenos, e se rompemos esa cadea de transmisión, como serían os nenos, acabamos coa lingua. Parécenos moi importante que a educación infantil sexa en galego como reforzo para as seguintes etapas educativas.

360 – Definides a Avoaescola coma unha actividade cooperativa, democrática e pluralista coas familias. En que se traduce isto na practica?
FL – Temos un proxecto educativo moi elaborado e coidado, xa que está feito por profesionais do sector, pero o compartimos coas familias. Temos xuntanzas trimestrais para avaliar o que estamos a facer e as familias poden participar no proxecto xa que son parte do mesmo, porque están implicadas directamente no que facemos. Somos a escola das familias, xa que elas realmente teñen o peso, o mando, dentro da escola. Os profesionais son os educadores e son os que teñen que dar as orientacións, pero as familias son as que teñen o poder.

360 – Ofertades un entorno en galego, respectuoso co medio e a diversidade, inclusivo e amábel. Incluso contades cunha horta ecolóxica, que importancia ten educar desde pequenos no respecto ao medio?
FL – É moi importante, sobre todo na zona urbana, porque os rapaces non teñen practicamente ningún tipo de contacto coa natureza. Temos un entorno privilexiado e un sitio onde estamos en contacto permanente coa natureza, pero os rapaces da zona urbana descoñecen moitas cousas, sobre todo no relacionado coa horta. É moi importante que teñan o coñecemento de que as cenorias non nacen no supermercado e os tomates tampouco nacen nos estantes, senón que nacen na terra e hai un proceso biolóxico ó cal temos que coidar e manter.

As instalacións da Avoaescola están en Narón, no Alto do Castiñeiro (foto: Avoaescola)

As instalacións da Avoaescola están en Narón, no Alto do Castiñeiro (foto: Avoaescola)

360 – Para que idades está pensada a Avoaescola?
FL – Para nenos de 0 a 3 anos, pero o proxecto contempla ampliar esa oferta a todo o ciclo de infantil.

360 – Agora está aberto o prazo de inscrición. Onde se pode realizar?
FL – Hai dous xeitos: un na páxina Web da Avoaescola e tamén na Web de Galizacogalego. Ademais, se pode realizar na propia escola en horario de 12:00 a 13:30 horas ou nos teléfonos 981.930.850 – 655.011.250. Con calquera destas opcións poden inscribirse para o vindeiro curso 2014/2015.

360 – O proxecto precisa financiamento, por iso puxeche en marcha unha iniciativa en Verkami. Como está a responder a xente?
FL – A xente está respondendo algo lenta. Precisamos un impulso importante porque nestas plataformas se non acadas o obxectivo, neste caso o noso é de 3.000 euros, non recibes ningún tipo de axuda. Entón é importante que a xente colabore e nos apoie porque desa colaboración depende un pouco o mantemento da escola. Os cartos imos adicalos a todos os recursos que necesitamos: pagar o local, o material e para que as familias estean menos gravosas. Somos unha escola de compromiso social e os nosos prezos tamén están na Web e pódese ver que son moi asumibles.

360 – Hai mais Avoaescolas en Galicia?
FL – De momento non, somos os primeiros. Por iso é moi importante que a xente se conciencie e que aquelas persoas que desexan que haxa esta iniciativa en galego nos apoien. Porque tan pronto lle demos os recursos á Avoaescola de Ferrolterra poderemos facer outras noutros puntos. Por iso é moi importante que a xente entenda que esta non é unha iniciativa local, senón a nivel galego.

Sobre Rebeca

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies