FERROL360 | Venres 15 abril 2016 |8:36
Con motivo do Día Mundial da Danza, o próximo 29 de abril, a área de Cultura do Concello de Ferrol adiántase a esta data e organiza para os sábados 16 e 23 dúas citas coa danza, con entrada libre e gratuíta para toda a familia.
O Centro Cultural Torrente Ballester –rúa Concepción Arenal– acollerá a partir das 12:00 horas unha sesión denominada Baile de doce, que se enmarca no programa “Sábados Miúdos”. Está pensada para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que poden acudir acompañados de calquera membro da familia que se anime a bailar ao son da música en directo do DJ Isaac Peces, acompañado pola bailarina Cristina Montero.
Soarán versións bailables de cancións modernas en formato vinilo, de forma manual coa agulla de pinchar e o xiradiscos. E para repoñer forzas, os asistentes poderán saborear un pequeno almorzo.
Para o propio Día Mundial da Danza o departamento de Cultura ferrolano organiza unha proposta de danza de guerrilla integrada por 6 bailaríns con microcoreografías pensadas para espazos simbólicos da cidade, que se desenvolverá entre as 11 e as 19 horas. E no mes de maio –os sábados 7 e 21– repetirase esta actividade no patio interior do centro Cultural Torrente Ballester.