FERROL360 | Venres 6 setembro 2013 | 11:23
Santa María é a patroa oficial da parroquia de Bardaos, en San Sadurniño. Sen embargo, nos últimos anos foi gañando protagonismo o San Pipote, unha gran barrica de viño eloxiada en procesión nocturna. A tradición, que naceu en 1997, incrementa cada vez máis a súa popularidade, e na pasada edición, contou con preto de 6.000 asistentes.
Os días de festa en Bardaos comezan o xoves, onde se organiza no local social un concerto dalgún grupo da comarca. Esta vez, Punta Norte e os ponteses No Cómbaro, foron os encargados de facer quentar os motores para os vindeiros días de troula.
Hoxe venres, a tradicional misa do mediodía dará paso á sesión vermú coa orquestra Xente Nova, e ás seis da tarde comezarán os partidos de solteiras contra casadas e de solteiros contra casados. A verbena da noite arrancará ás once e media coa orquestra da función á que se unirá a Philadelfia.
O sábado é o día grande para Bardaos, que comeza coa alborada dos gaiteiros e a misa e función coa orquestra Panamá. Ás seis da tarde, os veciños queimarán as calorías do patrón coas olimpíadas parroquiais que terán lugar na área recreativa. E de novo, ás once e media da noite celebrarase a «festa doente» con Panamá e Aché. Entorno á unha da madrugada, despois do popular pregón dará comezo a peculiar procesión da barrica de viño arroupada polos veciños que cada ano a veneran con devoción.
X Roda Cicloturista
Cadrando coas festas, Bardaos acollerá a décima edición da Roda Cicloturista, organizada polo Concello de San Sadurniño en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta. Partirá o sábado ás 11 da mañá do local social para percorrer un trazado de baixa dificultade ao longo de 13 quilómetros. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. A liña de chegada tamén estará situada no local social.