Home / Cultura / Canido celebrará Os Maios a vindeira fin de semana con música, mercadiño, pasarrúas e flores

Canido celebrará Os Maios a vindeira fin de semana con música, mercadiño, pasarrúas e flores

REBECA COLLADO | Ferrol | Venres 29 abril 2016 | 16:59

Apuntade na axenda unha cita ineludible para a fin de semana do 6, 7 e 8 de maio: a festa dos Maios do barrio ferrolán de Canido. Unha cita que será máis festiva ca nunca grazas á colaboración do Concello de Ferrol, que é a primeira vez que participa nesta tradicional celebración, segundo salientou Elia Rico, presidenta da asociación de veciños de barrio, ese venres en rolda de prensa.

Así, grazas á aportación económica das Concellerías de Festas e Participación Cidadá, a entidade veciñal poderá colocar varias estruturas en diferentes puntos do barrio para que os veciños coloquen as súas flores e construír entre todos distintos maios. Tamén haberá actuacións musicais, pasarrúas, un mercadiño e colocarase unha carpa para asegurar a celebración sen estar pendentes do tempo.

Elia Rico defendeu a festa dos Maios como unha festa «sinxela, pero non por iso menos importante» e agradeceu aos veciños a conservación desta tradición. Neste senso, a presidenta de AVV explicou que Os Maios é unha festa cunha longa tradición e «era unha ofrenda ás forzas da natureza para que as colleitas foran boas».

Pola súa banda, os concelleiros de Festas e Participación Cidadá, Beatriz Sestayo e Álvaro Montes, fixeron fincapé na importancia de colaborar nesta cita «mantida pola tradición veciñal» e «moi enraizada na cultura galega». Neste punto, Montes incidiu na necesidade de «recuperar esas vellas festas tradicionais galegas e de barrio».

A vindeira semana os veciños de Canido comezarán a elaborar os seus maios. Hainos máis elaborados e máis sinxelos, pero todos gardan unha beleza especial ligada ao revivir da natureza, das flores e cores que mudan a paisaxe do campo na primavera. O domingo as rúas do barrio énchense de vida para contemplar as creacións e gozar dunha xornada festiva.

O cartaz elixido para esta edición foi o gañador do concurso convocado pola Concellería de Festas, ao que se presentaron 20 persoas, e que gañou Patricia Díez. Podes consultar toda a programación nesta ligazón.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies