Home / Actualidad / Caraveis vermellos para lembrar a Moncho Reboiras

Caraveis vermellos para lembrar a Moncho Reboiras

Concentración diante do portal onde morreu Moncho Reboiras (foto: Rebeca Collado)

Concentración diante do portal onde morreu Moncho Reboiras (foto: Rebeca Collado)

REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 12 agosto 2013 | 22:19

Como cada 12 de agosto a UPG -Unión do Povo Galego- lembra a un dos seus máis destacados militantes, Moncho Reboiras, cun acto conmemorativo. Varias deceas de militantes e simpatizantes concentráronse por espazo duns minutos na Praza de Armas, para logo subir pola rúa da Terra ao berro de “Moncho Reboiras, a loita continúa”, co son de fondo dunha gaita que entoaba o Antigo Reino de Galicia.

Pararon no portal número 27 da rúa da Terra, onde hai 38 anos Xosé Ramón Reboiras Noia foi asasinado a mans da Brigada Político Social. Alí depositaron un ramo de caraveis vermellos e os presentes cantaron a Internacional.

Néstor Rego, secretario xeral da UPG e membro da Executiva Nacional do BNG, advertiu que o exemplo de Moncho Reboiras hai que telo presente nun “momento tan difícil” coma o que estamos a vivir. “Os tempos nos que lle tocou loitar a Reboiras eran enormemente compricados, baixo a dictadura franquista, e hoxe as circunstancias son distintas. Mais hai que recoñecer que os tempos tamén son enormemente complexos e difíciles, polo tanto ese exemplo é sempre de grande valía”, asegurou Rego.

O secretario xeral da UPG quixo recoñecer “o traballo intenso e incansable que fixo -Reboiras- ao longo de moitos anos, para organizar as clases traballadoras galegas e para organizar ao proletariado en cidades coma esta de Ferrol. Para conquistar dereitos sociais e tamén para conquistar dereitos nacionais”.

Rego tamén incidiu na adicación de Moncho Reboiras nas prácticas da autoorganización do pobo galego, “de termos organización políticas propias tanto no ámbito político, social e sindical. Entendendo que esa era a única e a mellor garantía de podermos camiñar cara á soberanía, cara a sermos una nación libre no mundo. E tamén podermos, por tanto, construir unha sociedade distinta, unha sociedade libre e xusta, igualitaria, sen explotación”.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*