Home / Ortegal / Cariño / Catro días de festas na honra a San Bartolomé en Cariño

Catro días de festas na honra a San Bartolomé en Cariño

ARY LÓPEZ | Xoves 22 agosto 2013 | 18:20

Cariño enfronta a recta final do mes de agosto con festas e actividades deportivas e culturais. Dende este venres, a vila gozará do patrón que honra a San Bartolomé e que tradicionalmente se prolonga durante catro días porque a ampla oferta enche as bocas de tódolos públicos.

Cartaz da festividade de San Bartolomé, organizada pola comisión de festas de Cariño.

Cartaz da festividade de San Bartolomé, organizada pola comisión de festas de Cariño.

A mañá do venres reunirá a nenos e nenas na Praza Roxa para participar nunha xornada de xogos infantís con carreiras de sacos, equilibrios ou relevos, e haberá tamén unha campaña educativa sobre reciclaxe: Separemos ben, reciclaremos mellor. Con esta iniciativa promovida pola Consellería de Medioambiente, en colaboración con Sogama e o Concello de Cariño, instalarase unha gran carpa que albergará un xogo de reciclaxe e monitores que ofrecerán información á poboación. Será a partir das once da mañá.

Pola tarde, nada mellor que queimar as calorías do xantar festivo, que participar na quinta carreira popular que terá lugar dende as seis da tarde ao longo do paseo marítimo. Xente de tódalas idades poderá participar nun percorrido que comprenderá unhas distancias entre os 300 e os 6400 metros. Dependendo das idades dos participantes, haberá sete categorías distintas: prebenxamín, benxamín/alevín, infantil/cadete, absolutas masculina e feminina e veteranos masculina e feminina. Aqueles que non desexen participar na carreira poden colaborar botando unha man, xa que segundo indica o Servizo de Deportes do Concello, precísanse voluntarios para sinalar os espazos ou axudar con tarefas auxiliares.

Ás sete, os xuvenís de Cariño disputaranse un partido de fútbol contra o Cedeira no terreo de xogo municipal.

E pola noite, na verbena das once soará a música do grupo JJ y Son e de Aixa Romay, participante do programa televisivo Tú si que vales.

Ademais, o inicio das festas patronais coincidirán co peche da 35ª edición da Mostra de Teatro Galego que albergará na casa da cultura e no auditorio, o Centacontos contapés de Maria Irimia ás doce do mediodía e O método Grönholm, ás dez da noite.

Vindeiros días

O sábado ás once da mañá, -e antes da misa solemne da unha-, a tradicional danza de arcos de Cariño será acompañada en pasarrúas pola Agrupación Musical Nosa Señora da Amargura (Ferrol) e a Banda de gaitas San Xiao do Trebo (Cariño).

Ás cinco da tarde, xogarase un triangular entre os equipos de Cariño, Cedeira e Ortigueira (Trofeo San Bartolo) e novamente o partido xuvenís entre Cariño e Cedeira.

Porán a música da verbena das once, os grupos Alaska Deluxe e os cantantes Assier e Lorca. Este último, coñecido pola canción Bésame en la boca, que o fixo popular nun verán de comezos do ano 2000.

O domingo á unha, terá lugar a misa e a procesión, e ás seis e media da tarde celebrarase o carnaval de verán, coa Batucada dos Fenómenos do Eume e Discomóvil Pegaso. Na verbena das dez actuarán a orquestra Biorritmos e a continuación os participantes de La Voz, Paco Arrojo e Maika, e Jose Galisteo, concursante de Operación Triunfo.

O luns 26, Cariño despide as festas de San Bartolomé celebrando a clásica xira no lugar de Cantalarrana, onde soará novamente a Batucada dos Fenómenos do Eume e Discomóvil Pegaso. Pola noite, Los Senadores e o Trío Vivarium pecharán a verbena das once, clausurando un ano máis os festexos patronais do verán de Cariño.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies