FERROL360 | Xoves 10 abril 2014 | 17:45
O XXXIII Campionato de España de Bádminton na categoría de veteráns terá lugar en Cedeira entre o 2 e o 4 de maio. A competición desenvolveráse no pavillón polideportivo municipal e a hora de comezo fixarase en función dos xogadores inscritos, aínda pendente de pechar.
O sábado 2 de maio terá lugar unha recepción a cada un dos clubes que participen nas instalacións do IES Punta Candieira e se lles fará entrega dun detalle. Mentres, o domingo procederase á entrega de premios.
O pavillón polideportivo municipal conta con nove canchas para a celebración deste evento, así como un panel electrónico, onde se irá informando do número de partidos en competición e dos seguintes a celebrar. A entrada será libre.
Segundo sinala o alcalde, Luis Rubido, «o Campionato non só supón un orgullo para Cedeira pola relevancia da competición, senón tamén unha oportunidade única dende o punto de vista turístico», xa que proxectará a imaxe da vila en toda España e recibirá a visita de centos de persoas, deportistas e afeccionados.
O alcalde quixo agradecer a labor do Club Bádminton Cedeira e recoñecer o papel do adestrador das escolas de base. Un clube que traballa coa maior das ilusións por fomentar o interese pola raqueta entre os máis novos, apoia aos mozos na súa paixón por alcanzar cotas de éxito na pista e acompaña aos veteráns no seu empeño por dar exemplo ás xeneracións futuras.