Home / Ferrol / Cedeira / Cedeira celebrará esta fin de semana a I Festa da Merluza da Volanta e certame de tapas

Cedeira celebrará esta fin de semana a I Festa da Merluza da Volanta e certame de tapas

FERROL360 | Xoves 27 abril 2017 | 17:54

Cedeira conta as horas para dar o pistoletazo de saída á primeira edición da Festa da Merluza da Volanta e o certame de tapas, que terán lugar este sábado e domingo. Na festa, organizada pola Confraría de Pescadores, serviranse unhas 1.500 racións de merluza e no certame de tapas, desenvolvido polo Concello, participarán 12 locais de hostalería.

A festa e o certame gastronómico terán lugar de forma simultánea, ao igual que as xornadas divulgativas organizadas polo Museo Mares de Cedeira nas que se darán a coñecer unha arte de pesca da que Cedeira é a capital galega e que se caracteriza por ser selectiva, por garantir a frescura das capturas e por non ter descartes. Estes programas darán comezo ás 11:00 horas.

Na carpa situada nas inmediacións da Casa do Mar, a Confraría de Pescadores servirá catro propostas culinarias diferentes elaboradas a partir da merluza que capturan os barcos de pesca da localidade. Pastel de merluza, merluza á galega, brandada de merluza e ensalada tibia de ovas de merluza son as diferentes racións que se porán degustar en horario de mañá e tarde.

Mentres, no concurso de tapas atoparemos bocados sabrosos e moi apetecibles. O restaurante Brisa propón «Merluza ao fume con escalivada»; a taberna Praza do Peixe servirá «Merluza rechea de piquillo con salsa de piquillos»; o mesón San Antón elaborará merluza «Acompañada de ameixas e gula» e a taberna do Jojó concursará con «A Volanteira».

O mesón A Marieta cociñará «Merluza Marieta»; o restaurante Vila Vella propón «Merluza confitada sobre cama de pisto»; o mesón A Ría servirá «Merluza á ría»; A Balandra elaborará «Merluza con algas»; a cervecería Rosi preparará «Merluza á cazola»; O Mesón concursará con «Merluza en salsa de rape»; a cafetería do auditorio municipal fará o propio con «Salpicón ao brocos» e O Sálvora con «Merluza ao Sálvora».

Tapas a 1,5 euros

Como non podía ser doutro xeito, a merluza será a protagonista das tapas, que se elaborarán expresamente para o certame. Terán un prezo de 1,5 euros e serviranse o sábado ao mediodía e pola noite e o domingo pola mañá.

O premio deste certame estará nas mans dos consumidores, que serán o xurado da convocatoria. Para poder dar o seu voto deberán consumir cinco tapas diferentes e selar a súa tarxeta nos distintos locais. Cumprida esta esixencia, hai que depositar a tarxeta co voto en calquera das caixas de votación distribuídas polos establecementos participantes.

Só se admite unha tarxeta por persoa e só serán válidas aquelas que cumpran os requisitos establecidos pola organización. Ademais, os consumidores que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cena para dous persoas no establecemento gañador do certame.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*