FERROL360 | Sábado 18 agosto 2018 | 11:43
O Concello de Cedeira organiza para este domingo a celebración da cuarta edición do Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, unha convocatoria aberta á participación de afeccionados e profesionais que este ano chega cun considerable incremento no importe dos premios.
Así, dos 1.300 euros repartidos no 2017 se pasa aos 1.900 euros previstos para esta edición. A devandita cantidade repartirase entre os 800 que recibirá o primeiro clasificado, os 600 cos que se premiará ao segundo e os 500 que se levará o terceiro.
Os interesados deben apuntarse, antes das dez da mañá, no punto de información turística situado na praza da Marieta. O concurso dará comezo ás dez da mañá e finalizará ás cinco da tarde, polo que os participantes disporán de sete horas para plasmar os encantos da vila.
A decisión do xurado, que estará integrado por Adrián Taracido, Jane Danko e Jesús Carballeira, darase a coñecer ás seis da tarde na Sala Áncora, situada na praza Roxa. Todas as obras premiadas pasarán a ser propiedade do Concello.
O equipo de goberno anima a veciños e visitantes a participar nunha convocatoria na que o ano pasado tomaron parte un total de 24 artistas -sete máis que no 2016- chegados de moi distintos lugares da xeografía galega.