Fran Zaera e Miguel Gómez Martínez son parte da directiva da entidade (cedida)
FERROL360 | Xoves 24 marzo 2016 | 17:24
Kozmic Blues, Faraway Place e The Way Cool García Show serán os grupos encargados de estrear o I Peixe Rock de Cedeira, un festival de música que pon en marcha a Asociación de Comerciantes da Vila Vella e no que colabora o Concello.
As actuacións terán lugar este venres na praza do Peixe a partir das 22:30 horas. Os grupos presentarán os seus respectivos repertorios, todos con base de rock. Aínda que nesta primeira edición optouse por contar con bandas do contorno, a organización non descarta ampliar a oferta pero sempre proporcionando un espazo aos grupos noveis.
Fran Zaera, un dos organizadores, indica que a idea nace con vocación de continuidade nos próximos anos e que tenta atraer xente ao casco vello da villa e mover tanto o comercio como a hostalería da zona, como o resto das actividades que organiza a entidade.
Precisamente aproveitase a celebrar a cita na xornada de Venres Santo, dentro das datas vacacionais, para que reuna a máis público. O orzamento desta primeira edición ronda os 2.000 euros.