FERROL360 | Martes 6 maio 2014 | 14:15
O Concello de Cerdido xa está a programar a celebración do Día das Letras Galegas deste ano. A compañía de teatro naronesa Os Ghazafelhos será a protagonista, representando o venres 16 de maio a obra Acuario no CEIP A Barqueira. Nesta xornada se homenaxeará ao poeta Xosé María Díaz Castro –este ano cúmprese un século dende o seu nacemento- e se tratará de fomentar a lectura entre os pequenos.
Acuario é unha obra adaptada do poemario infantil de María Canosa na que con títeres e accións van describindo os peixes que aparecen no libro, peixes do litoral galego. A propia autora, María Canosa, estará na representación, acompañando aos actores de Os Ghazafelhos. Esta compañía foi fundada en 2006 e, a día de hoxe, está composta por Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas. Tamén haberá música en directo durante o acto.
Despóis da obra, a alcaldesa local, Ana Rodríguez Montero, vai entregar a todos os alumnos do CEIP A Barqueira un libro en galego adecuado á súa idade. O obxectivo é fomentar a lingua galega e a lectura entre os rapaces, en especial nun día adicado ao idioma de Galicia.
Xosé María Díaz Castro vai ser homenaxeado durante a xornada, agora que se cumpren cen anos dende que naceu. Este escritor foi clave, coa súa contribución, para que a tradición literaria galega fora máis visible. Entre as súas obras destaca Nimbos, considerado un dos cumes da poesía galega moderna e que contén o poema Penélope, o máis famoso, o cal fai unha descrición de Galicia como unha tea que se está a facer e desfacer de modo constante.