FERROL360 | Martes 14 abril 2015 | 12:59
A Asociación agroecolóxica A Cortiña impartirá unha charla este xoves a partir das 16:30 horas no salón de plenos do Concello de San Sadurniño sobre o control biolóxico de pragas. Así, falarán sobre as vantaxes de substituír os insecticidas por mesturas inócuas e depredadores naturais das pragas que lles afectan ás producións de horta e froita. A entrada é libre ata completar o aforo.
A actividade correrá a cargo do enxeñeiro agrícola Sabino Muíño, un dos grandes expertos galegos na materia. Fará unha introdución dos antecedentes, da situación actual e do futuro do control biolóxico de pragas centrándose, principalmente, nas máis habituais, como son os trips, a mosca branca e o pulgón, que atacan tomates, pementos e outros vexetais.
O control biolóxico pretende prescindir ou reducir ao mínimo o uso de produtos químicos. E faino de varios xeitos: buscando cultivos compatibles entre si que restitúan o equilibrio ecolóxico e que impidan a proliferación de especies daniñas. Poñendo en práctica laboreos, podas e outras técnicas preventivas. E usando repelentes elaborados con ingredientes naturais ou trampas atraentes.
Un dos xeitos de loita máis efectivo é botando man dos depredadores naturais das diferentes pragas. Así, para os trips do pemento emprégase unha chinche, a Orius laevigatus; para a mosca branca hai anos que se bota man da avespa Encarsia formosa e, desde tempos inmemoriais, é sabido que as xoaniñas son aliadas dos labregos e labregas para loitar contra os pulgóns e outros insectos.