Home / Eume / As Pontes / Cine, teatro e concertos en As Pontes para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o vindeiro 25 de novembro

Cine, teatro e concertos en As Pontes para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o vindeiro 25 de novembro

FERROL360 | Martes 12 novembro 2019 | 00:00

O Concello das Pontes prepara máis dunha ducia de actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, data que se celebra o próximo 25 de novembro.

A programación estará composta por máis de 12 actividades, e inclúen cine, teatro, contacontos e talleres.

Estas actividades teñen como obxectivo «informar, formar, educar, sensibilizar sobre a violencia de xénero e axuntar esforzos para visibilizar, previr e loitar cun dos maiores problemas aos que se enfrontan as mulleres, polo simple feito de selo, e a sociedade no seu conxunto» indicou Tania Pardo, a concelleira responsable da área de Igualdade.

Os actos comezaron o pasado día 7 e rematarán o 4 de decembro. Así, durante esta semana, este luns e este mércores, o auditorio municipal Cine Alovi alberga dúas obras teatrais dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros do Concello.

O luns os alumnos do IES Moncho Valcarce e Castro da Uz puideron asistir á representación da obra «Elisa e Marcela», namentres que o mércores será o turno para os escolares de primaria de Santa María, A Magdalena e A Fraga que acudirán a ver a obra «Iriña Bailarina».

O vindeiro xoves a biblioteca municipal será o escenario da obra «Non máis princesas», un contacontos dirixido a menores de entre 3 e 10 anos, un espectáculo cheo de heroínas que rompen cos estereotipos de xénero.

Pola tarde do mesmo día a asociación de veciños de Pontoibo albergará, a partir das 18:00 horas, o taller «Dalle a volta».

O día 25 no salón de actos da Casa Dopeso estrearase a curtametraxe «Nunca Máis» baseada no guión do alumnado do IES Moncho Valcarce gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero da Deputación de A Coruña.

O día seguinte tamén na Casa Dopeso acollerá un taller «As violencias machistas, unha linguaxe excluínte» que tamén se repetirá no mesmo horario, o día 4 de decembro.

Os días 27 e 28 de novembro, as actividades trasladaranse ata a biblioteca municipal coa proxección, o mércores, ás 10:30 horas, da curtametraxe «O túnel» dentro do obradoiro «Relendo a vida» e, o xoves, ás 18:00 horas, cun obradoiro de ilustración.

Festival e premios

Ademais, o venres 29 de novembro, o alumnado de 5º e 6º de primaria serán os protagonistas das actividades ao redor da conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero, a través dunha xornada de convivencia.

Durante este festival farase entrega dos premios dun concurso fotográfico, incluído no programa coeducativo.

Tamén se fará entrega dos galardóns dun concurso musical no que o alumnado elaborou unha nova letra, en galego, para unha canción de éxito, libre de ideas machistas, roles e estereotipos tradicionais sobre a muller e o home.

Finalmente, este martes e o mércores, As Pontes acollerá un curso sobre a intervención policial en violencia de xénero dirixido á policía local e ao persoal do Concello que realiza funcións nesta área.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies