Home / REC360 / Entrevistas / Comeza a XXVII Semana Micolóxica de Ferrol: «Sen fungos non estariamos aquí»

Comeza a XXVII Semana Micolóxica de Ferrol: «Sen fungos non estariamos aquí»

MARTA CORRAL | Ferrol | Martes 22 octubre 2013 | 11:25

Ate o vindeiro sábado terá lugar en Ferrol a XXVII Semana Micolóxica que organiza a Asociación Micolóxica Viriato e patrocina o Concello de Ferrol.

Conferencias no Torrente Ballester, Macroexposición de Cogomelos no Cantón de Molíns e saída de recolleita ao campo; os pratos fortes desta cita que cada ano ten máis adeptos en Ferrolterra.

No ciclo de conferencias que se celebrarán no salón de actos do Centro Cultural Torrente Ballester, haberá dúas ponencias.

A primeira este martes, ás 19:30 horas: A Familia Tricholomatae, impartida por Julián Alonso Díaz.

A segunda, o mércores, tamén ás 19:30 horas, cando José M. Castro Marcote falará de As Amanitas en Galicia.

Este xoves, ás dez da mañá, inaugúrase a Macroexposición de Cogomelos na carpa do Cantón de Molíns, que poderá visitarse de 10:00 a 13:00 horas.

Dentro das actividades programadas na carpa, os protagonistas son os nenos. Terán a posibilidade de visitar a exposición de xeito didáctico, con visitas guiadas para tódolos colexios de Ferrol e obradoiros de plástica e debuxo; xa que tamén se lles propón aos pequenos concursar no certame de cartaces para a vindeira edición da Semana Micolóxica.

O sábado toca recoller cogomelos e clasificalos. Toda a xente que queira achegarse ás 09:00 horas, terá a oportunidade de trasladarse ao campo con expertos da Asociación Viriato e aprender de primeira man da recollida.

Os cogomelos, unha paixón

Os cogomelos son das cousas boas do outono. Cada vez hai máis persoas que adican as fins de semana a coller o cesto e botarse ao monte, na procura destas xoias, para o seu estudo ou para encher a cazola.

Dende hai trinta e un anos, a Asociación Micolóxica Viriato, serve de espazo común para os apaixoados e estudosos do mundo dos fungos.

Fundada pola familia Roca en Pontedeume, que contaxiou o interese polos cogomelos a amigos e veciños -a forza de levalos a vender ao feirón ou organizando mostras e derrubando tabúes-; a Asociación Viriato organiza a Semana Micolóxica cuns obxectivos concretos: manter unha tradición, que o mundo dos cogomelos estea presente na realidade da cidade, que os nenos o coñezan e que a sociedade tome conciencia da importancia da existencia dos fungos como «referente de ecosistema, clave para que o mundo siga sendo o mundo que é».

FERROL360 tomou un café co presidente de Viriato, Xosé Manuel Fernández e co secretario, Xosé Bouso; cos que somerxémonos neste descoñecido mundo da micoloxía.

FERROL360 – Cando comezastes en Viriato, os cogomelos non tiñan a popularidade que teñen hoxe en día?
X.M. Fernández – Hai trinta anos, o tema dos cogomelos era moi tabú. Home, si coñecías; pero no monte non vías a ninguén. Eu sendo novo, lémbrome que había algún tolo que andaba por alí e lle levaba uns níscalos á miña nai porque tiñamos un negocio de hostalería.

360 – Segue sendo un tema tabú?
XMF – En Galicia, aínda que cada vez menos, hai moita lenda negra. Hai persoas que non queren saber nada de comer cogomelos e hai auténticos apaixoados.

360 – En Viriato sodes «auténticos apaixoados»?
XMF – Na asociación hai persoas que buscan para comer e outros aos que xa nos interesan cousas novas, o estudo. Ver cousas raras, nos chama moito máis a atención que ver dez boletus; aínda que tamén gustamos de comelas, claro está.

360 – Que actividades facedes en Viriato?
XMF – Tódolos sábados de outono facemos saídas ao campo para os socios, pola comarca. En primavera saímos ás Fragas do Eume a ver outros cogomelos diferentes.

Unha vez ao ano, imos de excursión de fin de semana a outros lugares de Galicia e Castilla y León -sempre procuramos que haxa unha adega preto, porque somos tamén afeccionados ao viño-.

Facemos unha comida de inicio de campaña para socios e outra de final de campaña.
Xosé Bouso – Se é que tódalas asociacións, ademáis do que fan, son asociacións gastronómicas (risas).

360 – Tedes actividades para persoas que non sexan socias?
XMF – Temos cursos abertos no noso local de Maniños, a escola da Armada. Por unha banda, impartimos cursos básicos para coñecer os cogomelos e por outra banda, cursos máis avanzados de microescopía.

Organizamos esta Semana Micolóxica que tamén é aberta á participación, ou as Xornadas Rubia Barcia -aínda que levamos dous anos sen poder celebralas por falla de orzamento-; nesas xornadas en Fene, facíamos unha degustación popular que tiña moito éxito de público.

360 – Canto custa facerse socio de Viriato?
XMF – Facerse socio custa 35 euros anuais por familia. Entre as comidas, as saídas ao monte e as excursións, -porque nós subvencionamos parte- están máis que compensados.

360 – Un dos atractivos da vosa asociación é o parque micolóxico que tendes no Belelle.
XMF – Si, ten unha vertente científica, outra didáctica e tamén lúdica. Foi o primeiro parque micolóxico que se fixo en España de carácter privado.

Fixemos unha plantación con rodeiras de árbores como piñeiros, castiñeiros, carballos, bidueiras e eucalipto. Para ver como nacen e como van medrando, ver como se comportan e facer un estudo do que vai saíndo. Levamos catro anos facendo o estudo e temos un socio que é enxeñeiro de montes e que xa presentou o seu traballo de fin de curso en Lugo sobre o parque micolóxico. Case cincocentas páxinas, que son o froito científico do parque.

Na vertente didáctica, o parque está aberto aos máis pequenos. Levamos aos nenos que queren velo e fixemos plantacións con eles alí.

Ademáis, a parte lúdica; alí celebramos anualmente unha paella para tódolos socios, tamén unha sardiñada e temos un espazo de lecer que é utilizado pola xente que queira. O único que lles pedimos é respecto, que non deixen o lixo, que recollan e que non rouben o que temos alí.

360 – Como se presenta esta campaña de recollida de cogomelos?
XB – Presentar, se presenta sempre ben, en principio somos optimistas.
XMF – Normalmente, se chovera no mes de setembro, xa debería haber algún cogomelo; pero levamos varios anos que atrásasenos ata finais de outubro ou novembro. O ano pasado, por exemplo, pensamos que non íamos recoller nada e cando apareceron, o fixeron a moreas, unha explosión. Este año esperamos que sexa unha cousa semellante. Mentres non veña moito frío, a cousa non vai mal.

Expertos de Viriato facendo traballos de microscopía (foto: Asociación Micolóxica Viriato)

Expertos de Viriato facendo traballos de microscopía (foto: Asociación Micolóxica Viriato)

360 – Cales son as condicións máis favorables para os fungos?
XB – As condicións óptimas dependen das especies. Unhas precisan de máis frío e outras menos. Calor e auga son boas condicións para unhas especies, para outras non; pero se regas, as condicións son boas para níscalos, boletus…
XMF – Hai estudos e pódese saber en parte onde poden darse e en que condicións; pero por outra parte son absolutamente imprevisibles. Vas un ano a un sitio onde che deu e pasas catro ou cinco anos que non aparece nada.

Pode influir a propia xente, que descoñece como hai que collelas e entón esquilma o monte; tamén os terreos moi pisados por tractores, non dá tempo a que saian porque o micelio se vai compactando.

360 – A micoloxía está de moda, iso nótase á hora da recollida?
XMF – Non tanto a micoloxía coma a recollida de setas para comer; ademáis moitísima xente non colle máis ca unha especie, a que controla e sabe que non vai haber problema.

De feito, nós cada vez imos menos a buscar para comer e máis por ver o que hai, identificar as especies, ver cousas raras; aínda que seguimos a gozar da gastronomía.

360 – Que consellos lles darías ás persoas que comezan a recoller cogomelos para o consumo?
XMF – Que pregunten, que vaian sempre con alguén que saiba. Se só recoñecen tres, que collan eses tres tipos. Se recoñecen cinco, pois eses cinco. Ante a máis mínima dúbida, non comer e preguntar a expertos.
XB – Que pregunten antes de comer e non despois; parece unha obviedade, pero segue habendo xente que nos pregunta logo de ter comido. O máis perigoso é a ignorancia e o atrevemento.

360 – Axudades a recoñecer especies dende a asociación a esas persoas que non están seguras?
XMF – Si. Os luns se reúne a directiva e pode pasar calquera por alí a que lle axudemos. Antes moita xente mandaba fotos polo correo electrónico e deixamos de responderlles, porque non podiamos facernos responsables. É complicado estar seguro só con ver unha foto, por iso sempre dicimos que non a coman.

360 – Vos consultan moito?
XMF – Nos chaman para cousas inverosímiles. O ano pasado, por exemplo, unha persoa que tiña que facer unha peritaxe dunha casa e que lle saían nunha madeira, chamou para ver se sabiamos que tipo de cogomelo era.

360 – Fixestes de asesores a médicos tamén?
XMF – Fixemos de asesores a médicos, agora menos porque xa hai especialistas.

O ano pasado dei unha charla en Santiago sobre tóxicos e había un que era microbiólogo e se adicaba a investigar no CHUS. Adícase só aos fungos, o que xa dá certa tranquilidade, que haxa profesionais médicos traballando niso, que é algo moi recente e importante; porque pode salvarlle a vida ás persoas intoxicadas.

360 – O ano pasado houbo intoxicacións en Galicia e incluso mortes en Cataluña, tódalas setas perigosas son mortais?
XMF – Depende da dose e do tratamento nas primeiras horas. Sobre todo se é Amanita Phalloides, hai que actuar rápidamente; pero é unha especie de lactancia longa, o que supoñe que ata 24 ou 36 horas non sabes que estás intoxicado.

360 – Que síntomas teñen as persoas que poden sufrir intoxicación?
XB – Fundamentalmente dor no estómago, diarrea e vómitos, aínda que hai moitos tipos de intoxicacións. De tódalas maneiras, se ao cuarto de hora ou vinte minutos che produce molestias non te asustes moito, que non vai ser grave.
XMF – Hai moitos tipos de intoxicacións diferentes. A Coprinus Atramentaria é comestible; pero como bebas viño nos tres días seguintes, danche sudoracións e pálpitos de corazón e podes levarte un susto. Despois, as setas que son alucinóxenas poden producir visións; que tamén poden ser mortais se non controlamos o que facemos.

Hai setas que son perfectamente comestibles e hai estómagos que non as toleran. Teño un veciño, que despois de comer unha macrolepiota -que as come todo o mundo- tivo que ir ao hospital porque non lle sentaron ben.

360 – Ademáis de asistir aos cursos e de ir recoller cogomelos con alguén que saiba, cómpre ter unha boa guía de especies para aprender, cal recomendades?
XMF Cogumelos de Galicia de J.M.Castro Marcote (o relator da conferencia do mércores), M. Pose e J.M. Traba. Porque é das especies concretas de Galicia. Tamén é moi completa a Guía de campo de los hongos de España y de Europa de Marcel Bon.

360 – Hai incluso aplicacións para móbiles que che axudan a recoñecer especies.
XMF – As aplicacións para móbiles, son para ter precaución. Non é máis que unha aplicación; pero para un neófito insistimos no de sempre: consultar e ir con alguén.

O outro é para ver que hai algunhas que teñen láminas, outras que teñen poro, outras tubos, etc… Para identificar as especies, non para comer.

360 – Cales son as especies comestibles que podemos atopar na comarca dun xeito máis doado?
XMF – Na serra do Forgoselo hai moitos níscalos. Tamén hai moitos dos máis apreciados gastronómicamente, os Boletus Edulis; así coma a zarrota, a Macrolepiota Procera. En A Capelada podemos atopar esas especies e tamén nas zonas de bosque atlántico.

360 – Que pasaría se non houbera fungos no mundo?
(Os dous á vez) – Sen fungos non estariamos aquí.
XMF – Teñen usos moi diversos: a penicilina, por citar un dos seus usos médicos. Na gastronomía son fundamentais: para facer cervexa, para facer pan, para o viño…
XB – As árbores non poderían medrar, non habería ningún organismo encargado de desfacer as follas que caen e cubrirían todo, se non houbera cogomelos que as destrúen e vivan nese entorno para transformalo. Os fungos ademáis pasan o alimento dunhas plantas a outras e lles dan o que precisan para vivir.

A xente non é consciente diso e non lle dá importancia.

360 – Sodes auténticos expertos nos temas micolóxicos, estudastes Bioloxía ou non tiñades coñecementos antes da asociación?
XMF – Somos mestres, o coñecemento que temos veu pola asociación. É un mundo moi bonito e vaste metendo máis, queres saber máis e acabas tendo máis respecto.

É unha forma de vivir a vida, porque somos conscientes de que outro mundo é posible e queremos aportar o noso gran de arena ao medio ambiente a través dos cogomelos.

Pasen e vexan, deixen os tabúes e achéguense ao mundo dos cogomelos no Cantón de Molíns. Aprendamos a valorar o seu papel no noso mundo.

O presidente de Viriato, X.M. Fernández e a concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, na presentación da XXVII Semana Micolóxica (foto: Concello de Ferrol)

O presidente de Viriato, X.M. Fernández e a concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, na presentación da XXVII Semana Micolóxica (foto: Concello de Ferrol)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies