Home / Sociedad / En femenino / Concertos, obradoiro, documental e comedia musical en Mugardos para reivindicar que ‘As mulleres temos voz’

Concertos, obradoiro, documental e comedia musical en Mugardos para reivindicar que ‘As mulleres temos voz’

Amparo Arias actuará este sábado en Mugardos (foto: Concello de Mugardos)

Amparo Arias actuará este sábado en Mugardos (foto: Concello de Mugardos)

FERROL360 | Mércores 10 xaneiro 2018 | 12:38

A programación do Concello de Mugardos para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, comezará este sábado e dará paso a un completo programa de actos co que reivindicar que ‘As mulleres temos voz’. Baixo este título, o ciclo de actividades comprende concertos, obradoiro, documental e comedia musical.

A concelleira de Igualdade e Cooperación, Lola González, salienta que a celebración do 8 de marzo serve cada ano «para reclamarmos dereitos perdidos ou non acadados, defender as nosas vidas contra o espanto da violencia de xénero, reivindicar que se rache coa brecha salarial e o teito de cristal no traballo, pedir unha maternidade xusta que non impida o noso desenvolvemento como mulleres no persoal e laboral, e moito máis».

Este ciclo, explica González, nace coa idea de «escoitarnos e cambiar experiencias e opinións, adquirir ferramentas para a vida», así como «pasar un bo rato con grandes voces de mulleres que levan á música estas a outras cuestións». A edil recalca que os éxitos das mulleres quedan sempre en segundo plano polo que «temos que seguir loitando por unha vida ao mesmo nivel que os homes».

Programación

O programa comezará este sábado co concerto de Amparo Arias, ás 20.00 horas, na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo. A cantautora de Limodre interpretará o seus temas con influxos do pop, folk, bossanova e psicodelia.

A programación continuará o 9 de febreiro cun obradoiro sobre xénero e igualdade. Será ás 17.00 horas no salón de plenos do Concello de Mugardos. Esta actividade correrá a cargo da socióloga Cristina Bajo, investigadora e consultora en cuestións de igualdade e destacada activista do movemento feminino. Proxectarase a película Sufragistas, que narra a dura loita das mulleres por conquerir o dereito ao voto.

Máis música da man de Las Antonias o 10 de febreiro, ás 20.00 horas no Casino Progreso de Franza. O trío creado en 2015 na Coruña por Ana Lee, Mamen Bazarra e Gelen García Fagotto ofrece un espectáculo transgresor, cheo de reivindicación e tamén de diversión. Tal como elas mesmas definen o seu traballo: «Destripamos cancións de sempre, empoderamos mulleres, cambiamos letras, incluímos humor e ensaiamos con público».

Xa o 16 de marzo, no Salón de Plenos do Concello de Mugardos, proxectarase o documental Como el sol, al mediodía e posteriormente haberá unha mesa-debate con Lucía Rodríguez, unha muller mugardesa que estudou Delineación e traballou en Navantia, pero que despois emprendeu unha nova carreira seguindo a súa vocación artística. A cita será ás 17.00 horas.

Para pechar o ciclo, Bea García e Desirée Pillado interpretará a comedia musical Mangoreté. Será o 17 de marzo, ás 19.00 horas, na Praza do Concello. Trátase dunha comedia musical sobre mundos modernos na que dúas azafatas de voo chegan doutro planeta e tentan convencer ao auditorio de que viaxe con elas a un mundo mellor. O espectáculo está ambientado nos anos 50 e percorre os grandes éxitos musicais daquela época.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies