FERROL360 | Mércores 4 novembro 2015 | 11:25
Despois de que a ANPA do CEIP Recimil decidira cesar en pleno polas diferenzas coa dirección do centro, este martes seis membros do Consello Escolar presentaron a súa dimisión por «coherencia» e porque «asumimos os argumentos dados pola directiva da ANPA Recimil». Asimesmo, solicitan a dimisión da dirección do centro.
Os cinco representantes de nais e pais no Consello Escolar e unha representante da ANPA, neste mesmo órgano, explican nun comunicado que non se sinten apoiados pola dirección nas súas reivindicacións e «non aceptamos que se nos acuse de prexudicar ó colexio co noso intento de defender os dereitos dos nosos fillos».
Na súa opinión, a ANPA sempre actuou conforme ao sentir das nais e pais , defendendo as súas peticións, e opoñéndose aos recortes impostos pola LOMCE e a Consellería de Educación. Por iso non aceptan que «se tente condicionar a actuación da ANPA, que se debe ós pais, que foron os que decidiron libremente iniciar as mobilizacións».
Estas nais e pais non entenden «o seguidismo» que leva a cabo a dirección do centro con respecto ás políticas de recortes de Educación, así como a postura «supostamente unánime» do claustro de profesores, que considera que non é preciso contar con máis profesorado. Neste senso, aseguran que se contradi o expresado no proxecto educativo do centro e nas xuntanzas anteriores do Consello durante este curso.
Ante esta situación, e considerando imposible o entendemento entre os membros da Comunidade Educativa, presentaron a súa dimisión. Asimesmo, piden o cese voluntario da dirección do centro porque «merece ter unha dirección que antepoña os intereses do colexio a calquera outra consideración particular».
Que opina el Concejal de Educación y que tiene pensado hacer ( si el Torrente Ballester le deja tiempo para temas de Cultura, Educación y Universidad)