FERROL360 | Luns 11 maio 2015 | 19:17
Un espectáculo de contos para promover a solidariedade e unha exposición fotográfica, son algunhas das actividades que o Concello de Cabanas organiza para conmemorar o Día Mundial do Comercio Xusto. Así, O CEIP Eladia Mariño acollerá o espectáculo de contos «Ti tamén contas» e o IES Fraga do Eume contará esta semana coa exposición fotográfica «Imaxes con Fondo».
A mostra, que permanecerá no IES ata o 15 de maio, promove a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a fotografía. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que concursaron na primeira edición do certame «Imaxes con Fondo».
A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas. Ademais, todos estes contidos serán traballados co alumando pola educadora social do Proxecto de Fomento da Convivencia.
A Tropa de Trapo levará a proposta «Ti tamén contas» ao alumnado de 3º e 4º de primaria do CEIP Eladia Mariño este martes. As historias narradas por Marta Ortiz e Brais das Hortas introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais para debater logo co alumnado sobre a relación entre a abundancia e a felicidade e o consumo responsable.
O Concello de Cabanas, como socio do Fondo Galego de Cooperación, desde onde contribúe a impulsar proxectos de desenvolvemento en países do Sur e á concienciación da cidadanía en Galicia a través de actividades de sensibilización coma estas.