FERROL360 | Luns 12 setembro 2016 | 00:33
A comisión intersocietaria encargada da xestión da Horta de Quinín convoca para o vindeiro sábado 17 de setembro, ás 20:00 horas, unha xuntanza aberta ao público. A finalidade do encontro é debater e recoller propostas sobre posibles actuacións na parcela, tal como recolle o acordo asinado entre a Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación Betula.
As achegas que faga cada participante serán estudadas e avaliadas polos membros da comisión intersocietaria. Deste xeito, preténdese que os veciños da parroquia sintan este novo espazo como algo propio, implicándose no proxecto e tamén na súa conservación futura.
A Agrupación e Betula pretenden crear un espazo no que se poña en valor as especies autóctonas, tendo como finalidades básicas a protección do medio ambiente, da biodiversidade e dos elementos de identidade do territorio.
O convenio asinado no pasado mes de xuño pola presidenta Sabela Fraguío e o coordinador de Betula, Javier Riveiro, ten unha vixencia de cinco anos prorrogables. A parcela sobre a que se vai actuar está situada na rúa de Abaixo de Redes. É propiedade da Agrupación Instrutiva de Caamouco dende 1998, ano do pasamento do pintor Joaquín Rojo Seijas Quinín.
O artista deixou en herdanza á Agrupación ese terreo, así como a súa obra pictórica e a súa biblioteca. Dezaoito anos despois, a xenerosidade de Quinín será recoñecida de xeito permanente coa creación deste espazo natural, que levará o seu nome.