FERROL360 | Venres 2 xaneiro 2014 | 19:17
O Ateneo Ferrolán acolle un curso de interpretación escénica no teatro de obxecto e visual a partires do vindeiro 19 de xaneiro. Plamen Dipchikov, doutor en ciencia e arte teatral, será o encargado de impartir este programa que está dirixido tanto a nenos coma adultos.
O teatro de obxecto e visual é un xenero da arte teatral dun nivel elevado na escala intelectual. Dispón da súa propia linguaxe e estética expresiva e ten como obxectivo a intelixencia emocional do publico. Deste xeito, é capaz de emitir desde o escenario mensaxes conceptuais conmovedoras. O actor é o responsable de dar vida a obxectos, creando así a acción escénica.
O contido do curso divídese en cinco bloques: A emoción como filosofía do teatro de obxectos e visual; Iniciación na teoría da arte dramática desde a perspectiva do teatro de obxectos e visual; Índole do actor do teatro de obxectos e visual; Labor creativa do actor do teatro de obxectos e visual; Ferramentas, utensilios e atributos para o estudo e as practicas do actor.
Asimesmo, o programa ten tres finalidades, que son: aprender como analizar a tarefa escénica, como sintetizar todos os resultados da análise nunha actuación lóxica e convincente e prácticas de actuación con obxecto.
Na segunda fase do curso tratarase de que cada participante leve a cabo unha micro- actuación (individual ou en grupo) cun obxecto ou unha marioneta. Mentres que na terceira se seleccionarán os mellores resultados nun casting interno e se sacarán conclusións dos non elixidos. Tamén se montará un espectáculo de variedades e se estreará o espectáculo.
O curso divídese en tres categorías por idades: nenos de 5 a 11 anos, que terán unha cota de 27 euros ao mes; adolescentes de 12 a 17 anos, que pagarán 37 euros ao mes e adultos maiores de 18 anos, que neste caso o cota ascende a 47 euros ao mes. O prazo de inscrición xa está aberto.