FERROL360 | Venres 4 decembro 2015 | 10:54
Daniel Bellón e Diego Maceiras estrearán o seu terceiro álbum, «TEN10», este sábado ás 20:00 horas na SCRD Agarimo de Sillobre. Un concerto organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene coa colaboración da SCRD Agarimo.
Dez anos despois da súa primeira actuación en Fene, o dúo Bellón&Maceiras presentará o seu último disco en Sillobre, nunha actuación na que desvelarán perante o público os dez temas cos que queren conmemorar o seu décimo aniversario como dúo. A entrada ao concerto será de balde ata completar o aforo.
«Daniel Bellón e Diego Maceiras son dous músicos de recoñecido prestixio no panorama musical galego cunha longa experiencia como integrantes de grupos de renome, ademais dunha traxectoria consolidada como concertistas en solitario», dixo o alcalde, Juventino Trigo, durante a presentación.
Trigo tamén afirmou que «grazas a eles, o nome de Fene –o seu concello natal- estivo presente durante todos estes anos en festivais e concertos de todo o mundo».