Home / Cultura / Darío Rodríguez é o socio número 16.000 da Biblioteca municipal de Narón

Darío Rodríguez é o socio número 16.000 da Biblioteca municipal de Narón

FERROL360 | Mércores 24 febreiro 2016 | 18:49

Con só 20 mesiños, Darío Rodríguez xa recibiu o seu carné como socio da Biblioteca municipal de Narón. Un número ben redondo para este pequerrecho, que é o socio 16.000. A semana pasada a nai de Darío, Cecilia Trancón, solicitou o carné para o neno. Case unha tradición na familia xa que tamén o ten a súa irmá, Icía, de 5 anos, a súa nai, o seu pai, e o seu avó José Trancón. Darío.

A entrega do carné a Darío enmarcouse dentro dos actos programados polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía. Unha data que a administración local celebra desde o pasado ano e céntrase «no recoñecemento e difusión das obras da autora que simboliza o rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura», sinalou a edil de Ensino e Bibliotecas.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, abriu a lectura de textos co afamado «Adiós ríos, adiós fontes», que alude á emigración. A continuación, procederon a ler diferentes poemas representantes da corporación local, veciños e veciñas e representantes de centros de ensino de Narón, pechando a actividade a concelleira de Ensino e Bibliotecas.

Exposición e contacontos

Ata o 9 de abril a entrada do Pazo da Cultura acollerá unha exposición de vestimentas e instrumentos musicais típicos do século XIX, organizada pola Concellería de Cultura, dentro do programa de actos do Día de Rosalía.

A última das actividades organizadas para conmemorar esta data será unha sesión de contatos, que leva por título «A paisaxe de Rosalía», adicada á figura da poetisa galega. A cita será este venres na Biblioteca, ás 18.00 horas.

A actividade, organizada conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca municipal, está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e require inscrición previa. O trámite pódese realizar no mostrador da Biblioteca municipal ou chamando por teléfono ao 981.382.173.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies