Home / Cultura / David Amor: «Actuar en Ferrol sempre foi moi agradable»

David Amor: «Actuar en Ferrol sempre foi moi agradable»

SANDRA REGO | Ferrol | Domingo 16 marzo 2014 | 12:39

David Amor faille xustiza total ó seu nome artístico. Ferrol360 non puido falar con el en persoa, pero a entrevista foi tal e coma se o estivéramos vendo nun dos seus sketches do Club del Chiste de Antena 3. Un diálogo sen présas e adornado con bromas que fixeron a conversación máis amena. Tanto que lle pedimos que nos enviara un selfie á altura dos Óscar. David foi máis aló e sorprendeunos co vídeo que podedes ver a continuación.

Hoxe chega a Ferrol, máis concretamente ao teatro Jofre, para presentar Fuera de sitio, un show que combina o humor cunha grande dose de música da man do seu amigo músico Tito Calviño. As poucas entradas que quedan para ver ao humorista en directo poden adquirirse en taquilla ou na páxina do Concello.

Ferrol360 interrogoulle sobre os seus novos proxectos, a súa vida de actor e de deportista e ata das súas redes sociais preferidas. Se vos quedades con ganas de máis David Amor despois disto, Fuera de Sitio dará comezo ás 20:00 horas no teatro Jofre.

FERROL360 – Para comezar, nome e apelidos (verdadeiros).

DAVID AMOR – Iso é como o secreto de Bruce Wayne, non se pode saber. É anónimo total.

360 – O teu nome artístico comezou na TVG?

DA – Si, no Supermartes. Eu tiña un personaxe que sempre que saía era moi cariñoso coas invitadas e a Piñeiro, o presentador, pareceulle que tiña que ter un nome. Chamáronme David Amor, o defensor do telespectador.

360 – Que nos traes a Ferrol co teu show Fuera de sitio?

DA – Levo un pouquiño de porco, outro pouco de tenreira, crioulo por cabeza, patacas e unha ensalada lista para picar.

Por suposto con postre da casa (bromea). Non, levo un espectáculo de humor básicamente para pasar un bo rato.

Vou moi ben acompañado con Tito Calviño, gran guitarrista galego, quen me fai a banda sonora do show. A música está moi presente durante todo o monólogo. Repasamos varios xéneros, pero sempre dende o humor.

360 – Pero ti non cantas como David Guapo, non?

DA – Canto dende hai moitos anos nos meus shows, incluso antes de que aparecera David Guapo. Outra cousa é que non cante tan ben coma el. De feito, teño outro espectáculo rodando cunha banda de músicos.

360 – Atópaste fóra de sitio nalgún lugar?

DA – Cada vez menos, pero digamos que hai algún tempo si, foi o que lle deu nome ao espectáculo. Unha vez presenteime a Míster Galicia e nomeáronme Míster Simpatía.

Así que dixen que xa que era simpático ía contar chistes. Fun a Antena 3 e alí tratábanme de guapo, polo que digo que sempre estou un pouco fóra de sitio.

360 – Se coñeces Ferrol, saberías dicirme algo que che guste da cidade e algo que non?

DA – Polo que máis estiven en Ferrol foi por motivos de traballo, polo que unha das cousas que máis me gusta é o público. A verdade é que, a día de hoxe, actuar en Ferrol sempre foi moi agradable. Algo que non me guste é que tivo un veciño no seu tempo que non foi moi querido.

360 – É máis fácil chegar ó público galego que ó de fóra?

DA – Se falas en galego, si é moito máis difícil chegar a eles. Senón, se lle falas no seu idioma, non hai problema (bromea).

Non, en xeral, no momento en que alguén paga unha entrada sempre hai unha boa predisposición. Outra cousa é que, por motivos culturais, pois conectes máis aquí que en outros lugares.

Por exemplo, se lle falas de Luar, aínda que pareza increíble, Gayoso non se coñece tanto fóra.

360 – Segue presente o balonmán na túa vida?

DA – Si, pero dunha forma máis amateur. Mentres o corpo aguante, aí seguimos.

360 – Como avanza a túa carreira de actor agora mesmo?

DA – Pois sigo en formación, de feito agora estou a facer un curso co director Jorge Coira e estou facendo outro coa directora Mariana Carballal. Intento romper esa barreira porque cando te dedicas ó humor hai xente que lle custa máis convencerse de que podes ser actor tamén.

360 – Tes algún proxecto en mente que aínda non levaras á realidade?

DA – O principal co que estou agora é coa xira de Fuera de Sitio, coa que percorremos a xeografía española e galega e intentando loitar para entrar nalgunha serie. É unha loita constante, somos moitos para pouco sitio.

360 – Nada en Galicia?

DA – Teño pendente a estrea da Casa da Conexa con Nucha e Mucha, no cal teño o papel dun cura, o padre Gaspar, a quen elas intentan colgarlle os hábitos aínda que sexa por un ratiño.

Ademais diso non hai nada en cola, porque non é como antes que as cousas se facían máis pensadas. Agora poden xurdir dun día para outro.

360 – O teu Facebook está cheo de vídeos teus e é moi activo, pero cal é a rede social que prefires?

DA – Case que preferir non prefiro ningunha porque hai que dedicarlles moito tempo e cada unha ten a súa función. Twitter a uso para os pensamentos que se me ocorren nun momento, as chorradiñas que se me van ocurrindo.

Facebook o utilizo máis para o traballo, anunciar as próximas datas e onde vou estar, e Instagram, de máis creación. A cada unha lle teño un cariño distinto. WhatsApp só na casa, porque parecíame demasiada escravitude xa.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies