Home / Actualidad / Declara nos Xulgados de Ferrol o director xeral de Reganosa por unha denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia

Declara nos Xulgados de Ferrol o director xeral de Reganosa por unha denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia

REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 27 xuño 2016 | 14:00

O director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, declarou na mañá deste luns no Xulgado número 3 de Ferrol por unha denuncia presentada o pasado 21 de maio polo Comité Cidadán de Emerxencia ante a entrada dun gaseiro na ría despois das sentenzas do Tribunal Supremo, que anulan a autorización para o funcionamento da pranta.

Bruquetas contestou ás preguntas dos seus avogados, pero negouse a responder á cuestión plantexada polo letrado do colectivo, Alejandro Cortizas, que quería saber se o director considera que as sentenzas do Tribunal Supremo non son suficientes para paralizar a actividade e polo tanto se precisa dun requerimento ulterior.

Desde Reganosa declinaron facer declaracións á prensa e Cortizas explicou que o director xeral de Reganosa baseou a súa declaración na resolución do Consello de Ministros, que excluiu do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos de autorización da pranta, avalou a Reganosa.

«Baseándose no atropelo máis grande que ten este caso, que é o acordo do Consello de Ministros, din que os avalaron», asegurou o avogado do Comité. Neste senso, Cortiza sinalou que a defensa sostivo que as sentenzas do alto tribunal recollen que «Reganosa funciona ben, que non causa perigos medioambientais e que ninguén lle prohibiu a actividade».

«Non só se quere facer ver que as sentenzas do Supremo non se teñen que cumprir, senón que se require un trámite ulterior que os instase a deter a actividade», afirmou o letrado do colectivo, que salienta que o Tribunal Supremo está por riba da administración.

«Áo contrario do que nós dicimos, que as sentenzas do Tribunal Supremo deben cumprirse, eles din que esas sentenzas non son de obrigado cumprimento», concluíu o avogado, que tamén apuntou que na declaración «acaban de pintar unha debacle sen precedentes se Reganosa deixa de funcionar, que habería múltiples perxudicados».

Na denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia tamén figuran como responsables o capitán marítimo de Ferrol, o presidente da Autoridade Portuaria e ao director xeral de ENAGAS, que tamén terán que declarar no Xulgado, pero aínda non hai data para estas comparecencias.

Con todo, Cortizas asegura que as denuncias do Comité Cidadán de Emerxencia non cesarán e coa entrada de cada novo gaseiro na ría presentarán novas denuncias que se acumularán a esta.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies