FERROL360 | Venres 4 marzo 2016 | 19:37
A Deputación da Coruña e a Consellería de Política Social crearán unha comisión técnica para estudar a transferencia á Xunta de Galicia do Fogar Infantil de Ferrol e do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, ambos os dous de titularidade provincial, nos que se presta atención a máis de 120 rapaces con idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos.
Así o anunciaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao remate da reunión de traballo que mantiveron este venres na sede do ente provincial, na que participaron tamén os deputados responsables das áreas de Servizos Sociais, Ánxela Franco, e Promoción Económica, José Luis García.
Rey Varela, manifestou a súa esperanza de que «poidamos avanzar neste vello obxectivo que se ven plantexando dende hai moitos anos» e incidiu en que as políticas sociais «son competencia autonómica e, polo tanto, a intención por parte da Xunta é a de estudar o feito de que cada un cumpra coas obrigas que ten establecidas».
González afirmou que os servizos sociais son «unha área que consideramos prioritaria na Deputación, na que queremos facer un esforzo importante, tanto a nivel orzamentario como de recursos» e ofreceu «a máxima colaboración institucional á Xunta, que é quen ten as competencias nesta materia».