FERROL360 | Mércores 10 xuño 2015 | 19:22
Día de derradeiros plenos do mandato 2011-1025 nos consistorios. En San Sadurniño a sesión foi breve, xa que só se incluía na orde do día a aprobación da acta do pleno do pasado día 4. A continuación, producíronse as despedidas dos concelleiros María Muíño, Mari Carme García, Plácido López, Hipólito Díaz e Fernando Márquez, que non continúan na corporación municipal.
O alcalde en funcións, Secundino García, agradeceulles «o traballo a prol do Concello» e expresoulles «o mellor dos desexos» para a nova etapa que emprenden. Mentres, o edil socialista Fernando Márquez tamén agradeceu «estes oito anos de aportar dentro do PSOE un gran de area» así como «a oportunidade de poder participar» na vida municipal.
Plácido López, o ata agora voceiro do grupo popular, quixo «dar as gracias a todos», bromeando na despedida sobre a intención do seu grupo de «poder estar na oposición e darlles caña aos que entran agora» .
Este sábado ás 12:00 horas terá lugar o pleno de investidura co que arrancará un novo mandato. Así, procederase á constitución da nova corporación comezando pola mesa de idade con Manolo Varela como o máis vello e Silvia Fernández como a máis nova.
Eles iniciarán o procedemento tomando posesión en primeiro lugar e comprobando as credenciais para logo tomarlles promesa/xuramento aos seus compañeiros. Entre eles hai caras novas. Polo BNG a de Sabela Íñiguez e Manuel Beceiro. Polo PP entran Manuel Romero e Andrés Fernández e polo PSdeG-PSOE estréase en solitario Eduardo Lourido.
Repiten Secundino García, Suso Soto, Amparo Calvo, Ana Belén Breijo e os dous membros da mesa de idade, Manolo Varela (BNG) e Silvia Fernández (PP).
Trala toma de posesión determinarase o sistema de votación para a elección de alcalde e todo apunta a que, seguindo a tradición, se faga mediante papeleta. Salvo sorpresas o cargo recaerá en Secundino García por terceira vez consecutiva quen, deberá prometer/xurar o seu cargo como presidente da corporación.