FERROL360 | Xoves 28 xaneiro 2016 | 18:39
Narón quenta motores para celebrar unha nova edición do Concurso de Tapas de Entroido. O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, anunciou este xoves que un total de dezaoito locais hostaleiros participarán neste certame, organizado polo Concello no marco do programa Narón Gastronómico.
A cita desenvolverase desde o día 4 ata o 10 de febreiro co obxectivo, de «dinamizar o sector hostaleiro do municipio», explicou Villamar. Ao certame preséntanse máis de 23 creacións nas modalidades de Entroido e Tapa Creativa doces e salgadas, que poderán degustar e valorar aqueles que desexen pertencer ao xurado popular.
O xurado, designado pola organización, estará integrado por un membro do concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro. Farán a degustación das tapas valorando de 1 a 5 puntos a presentación, sabor, elaboración e adecuación da creación gastronómica ás bases do concurso.
O galardón da votación popular está dotado con 250 euros e un diploma acreditativo da participación no certame. Decídeo o público que visite os establecementos durante as datas indicadas, puntuando do 1 ao 5 a tapa degustada e depositando o seu voto nunha urna colocada no mostrador.
Votación e premios
O sistema do reconto dos votos emitidos polo público farase mediante a suma de todos os puntos obtidos polo establecemento e tapa. No caso de que o establecemento ofreza máis dunha tapa, poderase votar só unha vez por cada unha delas.
Así mesmo, repartiranse catro premios designados polo xurado: dous para Tapa Creativa, dotados con 400 e 250 euros, respectivamente, e outros dous para as de Entroido, tamén de 400 e 250 euros, a maiores, en ambos casos, do diploma acreditativo.
O nome dos premiados darase a coñecer a través da web do Concello e o certame inclúe o sorteo de cinco ceas para dúas persoas entre o público que participe nas votacións do concurso.
Establecementos participantes
Nesta edición participan os seguintes establecementos: Cervecería Australian (Filloa de Cocido); Cervexería Índalo (Filloa de Entroido e Índalo Creativo); Cervexería O Druída (Espetada de friame de cocido e Café de cocido co seu churriño), Sidrería O Bosque (Tapa Mascariñas).
Bar Vituco (Cocido do Entroido e Tortilla con pemento e salsa verde); Gastrobar Piñeiros (Mousse de grelo con queixo do Cebreiro e lacón sobre pan de centeo); Mesón O Pío (Churro de cocido); Restaurante A Trasanquesa (Chupiño de Entroido e Carrilleira en crema de champiñóns).
Restaurante Fortunato (Lacón estilo Fortunato); Romero II (Cocido do Romero); O Recanto (Sorpresa de cocido); O Pozo (Cocido estilo O Pozo); O Paseo (Brocheta estilo O Paseo; Mar Bravo); Café Cachimba (Entrefrebado de Lugo);
Mesón O Cuco (Roupavella de lacón con grelos; O noso porquiño); Café-Bar Gola (Tortilla con Mollo); Café Bar Devesos (Revolto de grelos con chourizo) e Parrillada do Couto (Empanada de Entroido).