Home / Sociedad / Educación / Dúas centeas de alumnos do CPI de San Sadurniño iniciaron esta mañá o novo curso escolar

Dúas centeas de alumnos do CPI de San Sadurniño iniciaron esta mañá o novo curso escolar

ARY LÓPEZ | Mércores 11 setembro 2013 | 19:52

O patio cuberto do colexio de San Sadurniño rozaba hoxe case que o límite de decibelios permitidos en espazos públicos. Os berros, as carreiras, os saúdos efusivos entre amigos e as despedidas -algunhas entre choros- de pequechos que comezaban o “colexio de maiores” compoñían a banda sonora desta mañá.

A falta de dez minutos para o toque da serea, decenas de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos e cargados coas mochilas formaban unha fila quebrada polas chácharas que supoñen as historias do verán.

Ás nove e media da mañá soa o timbre que indica a entrada nas aulas. Moitos xa levan estudada a lección e desfilan cara adentro do colexio que os verá medrar durante nove meses. Comezan un curso marcado polas dificultades que apertan ás súas familias e ao dereito a gozar dun ensino público. As consecuencias reflíctense, por exemplo, na eliminación da gratuidade do comedor e o exceso en número de alumnos por aula.

Sumando os cursos de Educación Infantil e Primaria, a plantilla para a nova temporada escolar en San Sadurniño ascende a 198 nenos e nenas. O aumento das matrículas no caso dos cativos de 3 anos motivou que a Consellería de Educación dividise o curso en dúas aulas e, polo tanto, a obriga de contar con dous docentes distintos. Con todo, o grupo escolar dos 5 anos supera o máximo número de alumnos permitido por aula, o que supón que máis de 25 nenos teñan que compartir profesor ao longo do curso. Dende o Concello de San Sadurniño laméntanse de que «non se escoiten as demandas», especialmente cando, neste curso, un neno con dificultades vai necesitar un mestre de apoio.

No tocante ao servizo de comedor, o Concello indica que «a Xunta de Galicia mantén a intención de cobrar ata 4,5 euros diarios por alumno». O coñecido repago do comedor, polo que durante meses amosaron o seu descontento as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), parece ser unha realidade mentres non se agarde o contrario.

Relativamente alleos aos problemas “dos maiores”, moitos dos que hoxe enchían con risas o recinto escolar serán algún día eses pais e nais que levarán aos seus fillos á porta da escola ao comezo do curso. Lembrarán e explicarán as experiencias vividas nun colexio público que xustamente este ano, celebra o seu corenta aniversario.

Benvidos a un novo curso escolar.

Esta mañá comezou o curso escolar para os alumnos de educación infantil e secundaria (Foto: Ary López)

Esta mañá comezou o curso escolar para os alumnos de educación infantil e secundaria (Foto: Ary López)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies