FERROL360 | Luns 30 maio 2016 | 13:53
A Deputación da Coruña e a Asociación da Prensa da Coruña colaborarán na edición do oitavo volumen dunha serie de libros que recuperan as biografías dos xornalistas que dan nome aos rueiros das principais cidades e pobos da provincia.
Esta nova edición compilará os nomes de 60 xornalistas que contan cunha placa co seu nome nas rúas dos concellos de Ares, Cariño, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Narón, As Pontes e Ortigueira.
Gonzalo Torrente Ballester, Wenceslao Fernández Flórez, Alejandro Pérez Lugín, Xosé Neira Vilas, Eduardo Blanco Amor, Castelao ou Álvaro Cunqueiro son algúns dos insignes persoeiros do xornalismo e as letras galegas cuxas biografías e traxectorias profesionais se detallan nesta publicación.
Faise a través de 60 artigos escritos por xornalistas como Luís Pousa, Alberto Mahía ou Ezquiel Pérez Montes; profesores como Xose María Dobarro, Rosa Méndez ou Pilar García Negro e intelectuais como Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.
Este novo libro completa unha colección de oito volumes que se iniciou coa recopliación das biografías dos xornalistas que dan nome aos rueiros da Coruña, Santiago e Ferrol e que se ampliou despois ás comarcas de As Mariñas, Bergantiños e Costa da Morte, Barbanza, Noia e O Sar e Arzúa ,Melide e A Barcala.
Coa edición do volume dedicado a Ferrolterra, Eume e Ortegal complétase o proxecto, que abarcou todas as comarcas da provincia.
Debate sobre el post